Inicio / Noticias / A Xunta inviste 120.000 euros na urbanización de viais do parque empresarial de Cortegada
25/01/2018 - 13:56
A Xunta inviste 120.000 euros na urbanización de viais do parque empresarial de Cortegada

Cortegada (Ourense), 25 de xaneiro de 2018.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o parque empresarial A Cancela, emprazado no concello ourensán de Cortegada, para comprobar o resultado do investimento de 120.000 euros na urbanización de viais deste polígono. A intervención foi posible grazas a unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria ao abeiro da liña de axudas para parques empresariais do pasado ano, que destinou un total de 870.000 euros a actuacións de habilitación e mellora de infraestruturas en 10 parques empresariais da provincia de Ourense.

Díaz Mouteira, que na visita estivo acompañada polo alcalde, Avelino De Francisco, e empresarios da zona, indicou que estes investimentos demostran o compromiso da Xunta co desenvolvemento empresarial de Galicia, subliñando que son obras que “contribúen á calidade do solo industrial galego e melloran as súas infraestruturas”.

Neste sentido, a delegada territorial lembrou que o departamento autonómico, dirixido por Francisco Conde, xa ten activado o programa de axudas a parques empresarias deste exercicio, cuxa convocatoria publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) a pasada semana. Esta liña de axudas está dotada con 5,8 millóns de euros para financiar actuacións relacionadas coa posta en marcha de plantas de depuración de augas, xestión de residuos, mellora de infraestruturas viarias interiores e exteriores, sistemas de seguridade e vixilancia e equipamentos contra incendios e contra o roubo de cable. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 28 de febreiro.

Dúas fases

As obras de mellora executadas no parque empresarial de Cortegada consistiron na pavimentación e dotación de beirarrúas peonís, así como a instalación dunha rede de tubaxes soterradas para distintos servizos como abastecemento de auga, gas, electricidade, saneamento, telecomunicacións e alumeado. Esta intervención supón a segunda fase do plan de mellora iniciado en 2016 nas infraestruturas viarias deste polígono, grazas tamén ao apoio da Xunta aos parques empresariais.