Inicio / Noticias / A Xunta invistiu 29.100 euros para mellorar a competitividade do parque empresarial de Abalo en Catoira
11/01/2019 - 04:12
A Xunta invistiu 29.100 euros para mellorar a competitividade do parque empresarial de Abalo en Catoira

Catoira (Pontevedra), 11 de xaneiro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o polígono industrial de Abalo en Catoira, en compañía do alcalde da localidade, Alberto García, así como do xefe territorial de Industria, Ignacio Rial, co obxectivo de comprobar as obras executadas neste parque para mellorar a súa competitividade.

Tal e como explicou Cores Tourís, estes traballos, centrados na mellora de infraestruturas viarias, executáronse grazas a unha axuda aportada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, da que tamén se beneficiaron outros 7 polígonos empresariais na provincia. En total, dende este departamento autonómico destináronse a executar melloras de seguridade, pavimentacións, construcións de puntos limpos, mellora de firmes e sinalizacións a través dun importe global de 254.000 euros.

Grazas a esta axuda, e cun investimento global de 36.375, o concello de Catoira levou a cabo o pintado de marcas viarias neste polígono, así como a instalación da sinalización vertical que faltaba, a renovación do tramo de beirarrúas que se atopaba en mal estado e o roce de cunetas, acondicionándose un total de case dous quilómetros.

As axudas destinadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais publicáronse no DOG de hoxe, venres 11 de xaneiro, e rematará o 11 de febreiro. O Goberno galego destina a esta actuación máis de 4 millóns de euros cos que prevé apoiar 54 proxectos e xerar 104 empregos. Estímase que o investimento mobilizado supere os 5,2 millóns.

A Xunta financia a través desta actuación, ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos, os plans presentados polos concellos para implantar nos parques empresariais plantas de depuración de augas, incluídos os colectores con verquido á depuradora municipal e/ou instalar sistemas de seguridade e vixilancia, de protección destinados á loita contra incendios e contra o roubo de cable. Tamén apoiaranse proxectos referidos á mellora de infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores, así como a xestión de residuos. En todos os casos financiaranse tamén os gastos de redacción do proxecto e de dirección da obra. A axuda máxima será de 120.000 euros por solicitude, que alcanzará os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos.

Á hora de valorar as solicitudes terase en conta, entre outros, a superficie do parque, o seu nivel de ocupación, a poboación do concello no que se atopa o polígono e se as solicitudes proceden de Concellos Emprendedores, fusionados ou agrupados.

“Grazas a estas axudas, a Xunta de Galicia colabora cos concellos de cara a dinamizar a competitividade destes parques empresariais e industriais, adecuando vellas infraestruturas e dotándoos de novos servizos”, engadiu José Manuel Cores Tourís. “O noso obxectivo é mellorar non só a competitividade das firmas xa asentadas, senón tamén atraer a novas empresas, para o que, ademáis, a administración autonómica puxo en marcha o protocolo “Doing Business” en colaboración ao FEGAMP”, rematou o delegado territorial quen recordou que a través desta iniciativa, os concellos adheridos poden gozar de rebaixas fiscais que ofrecerán ás empresas que se instalen nos polígonos destes concellos. Ademais, os concellos que se adhiran á iniciativa terán preferencias nas convocatorias autonómicas destinadas a impulsar o emprego, a industria e o emprendemento cando se formulen en réxime de concorrencia competitiva.