Inicio / Noticias / A Xunta lanza unha nova convocatoria de axudas á formación dos profesionais do sector do transporte por estrada, dotadas cun orzamento de 500.000 €
24/11/2022 - 02:07

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 20222

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade lanza hoxe unha nova convocatoria de axudas á formación dos profesionais do sector do transporte por estrada, ás que se destinará un orzamento de 500.000 euros.

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria de axudas á formación dos profesionais do transporte para o vindeiro ano 2023, cuxa información detallada pode consultarse nos seguintes enlaces: https://acortar.link/dN33GD  https://acortar.link/jdTTit

 

A orde publicada fixa as bases polas que se rexerá o outorgamento destes incentivos, que van dirixidos ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada: asociacións ou federacións de transportistas, co obxecto de que elaboren e leven a cabo un plan formativo sobre as materias de maior interese para os profesionais do sector.

 

As entidades deberán presentar un plan formativo que abranguerá a totalidade de cursos ou seminarios que pretendan realizar no ano 2023.

 

Estas organizacións disporán dun mes, contado a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes. O procedemento de concesión destas axudas tramítanse en réxime de concorrencia competitiva.

 

Consideraranse subvencionables ao abeiro desta orde as actividades formativas que se realicen a partir do 1 de xaneiro de 2023 e antes de que recaia a resolución definitiva.

Esas actividades deberán incluírse, en todo caso, dentro do plan formativo presentado coa solicitude e prestarse de acordo coas previsións contidas nesta orde, sinaladamente, as relativas aos importes máximos subvencionables, á comunicación do seu inicio e á subcontratación.

 

O orde de axudas establece a data do 2 de novembro de 2023 como último día para presentar a documentación xustificativa das accións formativas realizadas ao abeiro desta convocatoria de axudas.

 

Con estas axudas a Xunta fomenta que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan importantes como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Ademais inclúese a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real Decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

 

Tamén se promociona a realización, por parte das asociacións do sector, de iniciativas de carácter formativo noutros ámbitos de interese para os profesionais do transporte, como a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto para os profesionais do taxi como para todas aquelas persoas que realizan transportes internacionais.

 

O desenvolvemento destas actividades por parte das asociacións profesionais do sector do transporte facilita a plena adaptación das accións formativas á evolución das necesidades dos profesionais, dando continuidade a unha liña de actuación que a Xunta vén desenvolvendo nestes últimos anos.

 

Nas tres últimas convocatorias, as dos anos 2020, 2021 e 2022, a Xunta concedeu axudas que permitiron a realización de 453 cursos nos que participaron un total de 6.372 profesionais.