Inicio / Noticias / A Xunta leva este curso a campaña de seguridade viaria 'O corazón está do teu lado' a 20 novos colexios para seguir fomentando hábitos responsables nas estradas entre os máis novos
20/09/2019 - 04:16

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, levará este curso escolar a campaña ‘O corazón está do teu lado’ a 20 novos colexios para seguir fomentando hábitos e condutas seguras nas estradas entre os máis novos.

A Xunta segue estendendo o citado programa a máis centros educativos da comunidade. Así, hoxe os rapaces de primaria do CEIP de Rodeiro xa contan coas unidades didácticas coas que traballarán ao longo do curso para sensibilizarse da relevancia da seguridade viaria e do respecto ás normas de circulación.

Nas vindeiras semanas a campaña tamén chegará aos seguintes colexios: Montemogos, en Bueu; Rubiáns, en Vilagarcía; Amor Ruibal, en Barro; Manuel Padín, en Soutomaior; Virxe da Saleta, en Cea; O Ruxidoiro, en Barbadás; Curros Enríquez, en Celanova; Nosa Señora de Xuvencos, en Boborás; Padre Feijóo, en Allariz; O Coto, en Negreira; Arzúa; Alejandro Rodríguez Cadarso, en Noia; O Cruce, en Cerceda; Praia Xardín, en Boiro; Monterroso; Castro Verde; Friol; A Gándara, en Monforte; ou Pantón.

A Consellería de Infraestruturas, coa colaboración de Educación, está a impulsar esta iniciativa para a educación viaria dirixida a nenos de 6 a 12 anos, prevéndose que entre o pasado curso e o presente a campaña sensibilizará aos nenos duns 40 centros escolares.

Este programa, incluído dentro do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, ten como obxectivo explicar e ensinar aos máis cativos a marxe da estrada pola que deben camiñar, sempre pola esquerda, polo lado do corazón.

Os cativos, a través do material co que traballarán co profesorado, aprenden a importancia de empregar as sendas peonís, camiñar polo lado do corazón, cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía.

A campaña busca, en definitiva, que os máis novos se preocupen pola súa propia seguridade viaria e contribúan, deste xeito, tamén á seguridade dos demais.