Inicio / Noticias / A Xunta levará a cabo obras de reparación de emerxencia na Ponte de Mondariz, na estrada autonómica PO-254
29/07/2020 - 06:02

Santiago de Compostela, 29 de xullo 2020.- A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, levará a cabo obras de reparación de emerxencia na ponte de Mondariz, na estrada autonómica PO-254, nos termos municipais de Mondariz e Mondariz-Balneario.

A intervención ten como obxectivo reforzar o nivel de seguridade da ponte e anticiparse a posibles problemas que poidan xurdir por mor de deterioros identificados na súa estrutura.

O pasado día 1 de xullo realizouse unha inspección principal na ponte de Mondariz , no marco dos labores rutineiros do Programa de inspeccións en pontes e obras de paso que ten en marcha a Xunta. Esta inspección aconsella a intervención para reforzar a seguridade e garantir a conservación da estrutura, xa que non corrixir os deterioros observados podería supoñer unha redución da capacidade portante da ponte.

Estes traballos de reparación da ponte de Mondariz suporán un investimento da Xunta de 1,4 millóns de euros tendo en conta, tanto a súa execución material, estimada en preto de 1,1 millón de euros, como a asistencia técnica para o dimensionamento das actuacións que se deben levar a cabo, as comprobacións estruturais e o seguimento do desenvolvemento dos traballos. A actuación conta cun prazo de execución de 6 meses.

As intervencións de reparación, mellora e conservación dos elementos estruturais da ponte de Mondariz obrigarán a desviar o tráfico, previsiblemente desde o luns, polo antigo treito da estrada autonómica PO-254, evitando afeccións maiores aos usuarios. Porén será preciso habilitar desvíos para o tránsito do tráfico pesado, que estarán debidamente sinalizados.

Esta mesma mañá, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, informou aos alcaldes de Mondariz e Mondariz-Balneario da situación e dos traballos de reparación de emerxencia que se van executar.

A ponte de Mondariz está situada no punto quilométrico 8+540 da PO-254, entre os termos municipais de Mondariz e Mondariz-Balneario. É de tipo arco atirantado metálico dun único van, 59 metros de luz e taboleiro cunha largura de 13 metros. Consta de dous arcos metálicos cun tirante inferior.

Para corrixir os deterioros observados na estrutura durante a inspección, realizaranse estudos concretos que determinarán cuantitativamente e con exactitude o alcance das deficiencias e comprobarase o estado de resistencia do taboleiro metálico. En paralelo, comezaranse a definir as actuacións que é preciso acometer, realizando os cálculos estruturais precisos para realizar os labores sobre a ponte, executándoas ao mesmo tempo.