Inicio / Noticias / A Xunta licita a 1ª fase das obras para reforzar a seguridade de condutores e peregrinos na estrada AC-934, en Sobrado
23/05/2019 - 14:18

Santiago, 23 de maio de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe a 1ª fase das obras de reforma da estrada AC-934, no Concello de Sobrado, co fin de reforzar a seguridade viaria de condutores e peregrinos mediante un investimento de máis de 1,6 millóns de euros.

As empresas interesadas en executar estas actuacións poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 18 de xuño.

O Consello da Xunta autorizou recentemente o Decreto de Utilidade Pública que prevé a expropiación dos 156 predios necesarios para a execución destas obras.

Trátase da primeira fase da actuación prevista nesta estrada, concretamente entre o límite coa provincia de Lugo ata ó núcleo das Abeleiras. Actuarase nun treito de 4,5 quilómetros, integramente no concello de Sobrado, para dar continuidade ás obras de mellora executadas nesta mesma vía entre o municipio lugués de Friol e o límite de provincia.

A actuación suporá unha importante mellora da seguridade viaria desta estrada, coa ampliación da calzada para acadar un largo de plataforma de 8 metros, con características xeométricas similares ás acadadas na vía no treito mellorado na provincia de Lugo. Ademais, realizarase unha rectificación das curvas de menor raio, garantindo en todo o treito un raio mínimo de 50 metros.

As obras suporán a rehabilitación estrutural de todo o firme e na travesía de Vilariño-O Mesón estenderase unha nova capa de rodada, ademais de ordenarse os aparcadoiros.

Xunto con isto melloraranse as principais interseccións coas vías locais, coa creación de cuñas de cambio de velocidade e semiglorietas para facilitar os cambios de sentido.

Debido a que se trata dunha estrada que coincide co Camiño de Santiago do Norte, concretamente da Ruta da Costa, e polo tanto cunha alta presenza de peregrinos, o proxecto que se vai executar inclúe as medidas necesarias para garantir a súa seguridade.

Así, no treito en que a vía coincide coa Ruta Xacobea, construirase unha senda de aproximadamente 3 quilómetros de lonxitude, desde o límite coa provincia de Lugo ata a entrada na travesía de Vilariño- O Mesón, que xa conta con beirarrúas e onde o Camiño se afasta da estrada autonómica.

Con esta actuación mellorarase a seguridade viaria e a comodidade na circulación dos usuarios, favorecendo ademais a preparación do Camiño de Santiago para a celebración do vindeiro Xacobeo 2021.