Inicio / Noticias / A Xunta licita actuacións de mellora do firme en catro estradas autonómicas da provincia da Coruña, cun investimento de 1 millón de euros
21/05/2019 - 13:55

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publicar hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación de actuacións de mellora do firme en catro estradas autonómica da provincia da Coruña, por un investimento de 1 millón de euros.

Esta actuación ten por obxecto a mellora das condicións de circulación nas estradas de titularidade autonómica AC-400, AC-432, AC-440 e AC-441, ao seu paso polos concellos de Mazaricos, Outes, Muros, Carnota, Zas, Vimianzo, Dumbría e A Baña.

As empresas interesadas na execución deste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 17 de xuño. As obras dispoñen dun prazo de execución de 4 meses, a contar desde a formalización do contrato de adxudicación.

Máis en concreto, o contrato contempla a rehabilitación do firme naqueles treitos das estradas que presenten carencias co obxectivo de prolongar a vida útil do pavimento. Os traballos prevén tamén a limpeza e reperfilado de noiros e a drenaxe nos tramos que o precisen.

As intervencións se complementarán coas actuacións na sinalización e balizamento, que inclúen a reposición da sinalización horizontal e vertical. O departamento de Infraestruturas da Xunta segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.