Inicio / Noticias / A Xunta licita hoxe a 1ª fase das obras de mellora na estrada PO-235, no treito entre Antas e Seixido co fin de executala en 2018
29/11/2017 - 02:38
A Xunta licita hoxe a 1ª fase das obras de mellora na estrada PO-235, no treito entre Antas e Seixido co fin de executala en 2018

A Lama (Pontevedra), 29 de novembro de 2017.- O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde da Lama, Jorge Canda, ao que lle trasladou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación da 1ª fase da mellora na estrada PO-235, entre Antas e Seixido, cun orzamento de case 600.000 euros, co fin de iniciala no primeiro trimestre de 2018.

A actuación, cun prazo de execución de 6 meses, consiste no ensanche e mellora desta estrada en varios puntos entre os núcleos de Antas e Seixido, co fin de mellorar a seguridade viaria e a comodidade na circulación.

As obras previstas na primeira fase comprenden a ampliación transversal dos pontóns situados nos puntos quilométricos 15+630 e 17+300, para acadar un ancho de 8 metros, o que permitirá ampliar a calzada e dispoñer beiravías e peitorís de contención. Ademais, mellorarase o trazado das curvas de acceso aos ditos pontóns, ampliando lixeiramente o seu radio.

Por outra banda, tamén se acondicionará a estrada desde a saída do pontón do punto quilométrico 17+300 ata o final da vía, no núcleo de Seixido. Neste punto ampliarase a sección transversal e estenderase no firme unha nova capa de rodadura. Para a drenaxe da plataforma, ademais de ampliar as obras de drenaxe que resulte necesario, procederase ao tendido e revestimento das cunetas, nos tramos que resulte conveniente.

Procederase tamén a reposición da rede de saneamento existente no núcleo de Seixido, que se ve afectada pola obra e a disposición de sinalización horizontal, vertical e de balizamento e defensas.

Paralelamente, a Xunta avanza na redacción do proxecto da segunda fase das obras, que permitirá completar o acondicionamento da estrada mediante un investimento de 1,5 millóns de euros.