Inicio / Noticias / A Xunta licita hoxe as obras de construción da senda peonil e ciclista na estrada PO-300, entre Vilariño e o polígono do Salnés, por un investimento de máis de 344.000 euros
24/11/2017 - 12:08

Santiago, 24 de novembro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de construción dun itinerario peonil e ciclista na estrada PO-300, no treito Vilariño- Polígono do Salnés, por un investimento de máis de 344.000 euros.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas para a realización desta actuación, cun prazo de execución de 8 meses, ata o vindeiro 20 de decembro. Estas obras serán cofinanciadas con Fondos Feder 14/20. Neste enlace ao DOG pódese ampliar a información.

O proxecto define a execución dunha senda para uso de peóns e de ciclistas na marxe dereita da estrada PO-300, nos Concellos de Ribadumia e Cambados, cunha lonxitude de case 1.100 metros.

A senda iniciarase no p.q. 9+310 da PO-300, onde se atopa a primeira intersección de acceso ao polígono industrial do Salnés, e desenvolverase pola marxe dereita da estrada ata conectar coas beirarrúas existentes no lugar de Sameiro, na parroquia de Vilariño.

A sección tipo da senda contará con 3 metros de ancho e separarase da calzada por medio dunha banda axardinada de 0,5 metros, e os correspondentes bordos de separación. Ademais, prevese a instalación dos sistemas de recollida das augas de drenaxe necesarios, e a colocación da canalizacións que permitan nun futuro a instalación de redes de telecomunicacións ou electricidade.

A senda a construír permitirá completar un itinerario peonil continuo desde o polígono industrial do Salnés ata o centro de Cambados, pasando por Vilariño, utilizando as estradas autonómicas PO-300 e PO-550.

A obra incluirá a instalación dos sistemas de recollida das augas de drenaxe necesarios e a colocación da canalizacións que permitan nun futuro a instalación de redes de telecomunicacións ou electricidade.

Plan de sendas no Salnés

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas de Galicia, que para a comarca do Salnés contempla a execución de 5 novas sendas que suman 16,7 quilómetros de lonxitude.

Este plan ten como obxectivo incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Tamén busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.