Inicio / Noticias / A Xunta licita as obras de acondicionamento da estrada AC-566, desde a saída de Valdoviño ata a Ramalleira, por un importe de 4,4 millóns de euros
10/03/2020 - 13:20
A Xunta licita as obras de acondicionamento da estrada AC-566, desde a saída de Valdoviño ata a Ramalleira, por un importe de 4,4 millóns de euros

Ferrol, 10 de marzo de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe da licitación das obras de acondicionamento da estrada AC-566, desde a saída de Valdoviño ata a Ramalleira, por un importe de 4,4 millóns de euros. Vázquez Mourelle, acompañada pola directora do proxecto, deu conta do procedemento administrativo iniciado hoxe coa publicación do anuncio na Plataforma de Contratos da Xunta das obras que redefinen o trazado ao longo de case 4 quilómetros da estrada que vai a Cedeira, ao seu paso por Valdoviño. As empresas interesadas en acometer esta actuación, que dispón dun prazo de execución de 18 meses, poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 6 de abril. A partir de aquí continuaranse cos trámites administrativos necesarios de cara ao inicio das obras, previsto no verán.Esta actuación, que incrementa o investimento da Xunta ata preto dos 4,7 millóns de euros co pagamento da expropiación das 136 parcelas necesarias para súa execución, atende á necesidade de dotar a esta estrada de terceiro carril para vehículos lentos, alí onde sexa posible, e coas mínimas afeccións ambientais na zona de protección de Rede Natura.Para iso ensancharase e reforzarase o firme desta estrada os longo de algo máis de 2 Km. E nos outros arredor de 1,9 km que comprenden a actuación licitada hoxe, procederase á rectificación de curvas, á mellora de interseccións ou cambios de sentido e ao aumento de sección, habilitando un carril adicional para favorecer os adiantamentos. Deste xeito, a intervención permitirá habilitarán carrís de adiantamento para vehículos lentos en case a metade do treito no que se actúa.Por iso, aínda que no inicio da actuación se van executar carrís adicionais na estrada para favorecer adiantamentos máis seguros, a vía manterá o seu trazado actual ao seu paso pola canteira e o pequeno val que hai nese punto, para minimizar afeccións. O que si se fará será rectificar a curva que hai a carón desa canteira.Igualmente se manterá o trazado actual da estrada cara ao treito final da actuación, chegando á Ramalleira, para non afectar ás numerosas edificacións que hai en ambas as marxes.As obras de mellora na AC-566 favorecerán así a mobilidade dos veciños, fundamentalmente de Valdoviño e de Cedeira, e incidirán no reforzo da seguridade viaria de todos os usuarios que transiten por esa vía e pola que circulan uns 5.000 vehículos ao día.Tamén propiciará os desprazamentos máis cómodos e tempos de percorrido máis reducidos entre os municipios da zona. Estímase que, unha vez realizada a mellora, se poderá reducir en preto dun 30% o tempo de tránsito polos 4 km de estrada que se acondicionan.