Inicio / Noticias / A Xunta licita as obras de instalación de iluminación na estrada PO-308, entre Soutullo e Portonovo, por un investimento de case 614.000 euros
25/03/2019 - 13:21
A Xunta licita as obras de instalación de iluminación na estrada PO-308, entre Soutullo e Portonovo, por un investimento de case 614.000 euros

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación das obras de instalación de iluminación na estrada PO-308, cun investimento de case 614.000 euros.

As empresas interesadas na execución deste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 22 de abril.

Esta actuación levarase a cabo no treito desta vía autonómica comprendido entre o p.q.19+690 e o 25+200.

O proxecto contempla a instalación de farois e a conexión do alumeado no treito da PO-308 comprendido entre Soutullo e Major, no tramo da senda finalizada no pasado verán.

Tamén se realizará a colocación completa de alumeado pola marxe esquerda da estrada no treito da PO-308 entre Portonovo e Major, que deberá de executarse de xeito coordinado co contrato para a construción da senda peonil e ciclista.

As luminarias son de tipo led regulables e permitirán reducir a intensidade de luz a partir da hora da noite que programe o concello. Ademais, colocaranse farois para a iluminación diferenciada nos pasos de peóns co fin de facilitar a súa visibilidade.