Inicio / Noticias / A Xunta licita as obras de mellora do firme na estrada OU-504 ao paso polos concellos de Ribadavia e de Cea, cun investimento de máis de 1,1 M€
06/05/2022 - 04:38

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de mellora do firme na estrada OU-504 ao paso polos concellos de Ribadavia e de Cea, que suporán un investimento de máis de 1,1 millóns de euros.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica o inicio da contratación desta intervención, á que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 1 de xuño.

 

A Xunta prevé iniciar as obras a finais do verán co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano.

 

Trátase do reforzo e a rehabilitación do firme da OU-504 entre a intersección coa estrada N-120 en Ribadavia e a intersección coa OU-901 en Cea, en concreto entre os puntos quilométricos 1+460 ao 1+800, e do 2+900 ao 28+080.

 

Segundo o treito e o estado actual do firme, realizaranse fresados e reposicións de 5 e 10 cm de espesor e disporase unha nova capa de rodaxe mediante o estendido dunha mestura bituminosa en frío tipo microaglomerado.

 

Para mellorar a seguridade viaria, as obras incluirán a habilitación de cunetas de seguridade de formigón, incluíndo tubo dren e recheo co material de fresado da propia obra.

 

Tamén se mellorarán os camiños, mediante estendido do material de fresado da propia obra e o selado mediante unha rega asfáltica.

 

Na intervención, ademais, realizarase a limpeza e o reperfilado de marxes.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.