Inicio / Noticias / A Xunta licita as obras de mellora integral da estrada OU-105, en Seixalbo, que contará cun orzamento de case 800.000 euros

A Xunta licita as obras de mellora integral da estrada OU-105, en Seixalbo, que contará cun orzamento de case 800.000 euros

09/02/2018 - 13:47

Santiago de Composatela, 9 de febreiro de 2018.- A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de mellora integral da estrada OU-105, en Seixalbo, que contará cun investimento de case 800.000 euros. Para obter máis información pódese consultar o seguinte enlace: https://goo.gl/MCxV1m.

As empresas interesadas en presentar ofertas para levar a cabo esta actuación, teñen de prazo ata o vindeiro 7 de marzo.

Esta mellora busca optimizar a circulación de peóns, ciclistas e tráfico rodado e incrementar a seguridade viaria dos veciños. Así, acometerase unha actuación moi completa nun treito de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e onde finalizan as vivendas, baseada na mellora da mobilidade peonil e na reordenación do tráfico.

Levarase a cabo unha actuación no cruce de acceso a Seixalbo, habilitaranse carrís centrais de espera e dotarase a zona de aparcadoiros. As paradas de autobús existentes adecuaranse e recolocaranse despois dos pasos de peóns, para maior seguridade dos peóns. Disporanse pasos de peóns, con semáforos con pulsador e con iluminación específica. Habilitarase un carril para bicicletas e melloraranse e completaranse as beirarrúas.

Esta obra de Seixalbo complementa a outras actuacións da Xunta, importantes para a cidade, tamén relacionadas coa seguridade viaria como a mellora da accesibilidade na avenida Otero Pedrayo, que suporá un investimento de máis de 2 millóns de euros.

A Xunta continúa investindo en seguridade viaria co fin de incrementar a calidade de vida dos veciños e facer cidade.