Inicio / Noticias / A Xunta licita as obras de renovación de beirarrúas e pluviais na estrada AC-550 ao seu paso polo concello de Ribeira, entre Padín e Deán Pequeno, cun investimento de preto de 315.000 euros
05/08/2019 - 04:59

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe na Plataforma de Contratos da Xunta de Galicia a licitación das obras de renovación de beirarrúas e pluviais na estrada autonómica AC-550 ao seu paso polo Concello de Ribeira, entre Padín e Deán Pequeno, cun investimento de preto de 315.000 euros.

As empresas interesadas na execución deste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 2 de setembro. Os traballos teñen un prazo de execución de 3 meses.A actuación consiste na mellora e reposición de toda a beirarrúa deteriorada da AC-550, na súa marxe esquerda no seu acceso á poboación, entre os puntos quilométricos 107+320 e 107+870, na Avenida de Ferrol. E na súa marxe dereita actuarase entre os puntos quilométricos 107+460 e 107+870.

Os traballos inclúen a substitución do pavimento, colocando novas baldosas de formigón en branco ou gris e novos bordos. Poñeranse a cota do novo pavimento as arquetas e os pozos de rexistro nas zonas de actuación, e modificaranse os pasos peonís actuais.Ademais, mellorarase a drenaxe, aumentando o número de sumidoiros na marxe esquerda de modo que a separación entre eles sexa menor de 30 metros. Pola súa parte, a marxe dereita carece de sumidoiros, polo que é preciso instalar un novo colector de pluviais conectado mediante pozos de rexistro a novos sumidoiros.

Entre os puntos quilométricos 107+700 e 107+775 o colector de fecais atopase en mal estado polo que se procederá a súa reposición.

Con estas actuacións o departamento de Infraestruturas da Xunta continúa a traballar para mellorar e conservar a rede viaria autonómica, ofrecendo unhas estradas cómodas e seguras para todos os seus usuarios e fomentando o desenvolvemento económico e social dos municipios.