Inicio / Noticias / A Xunta licita as obras de supresión dun treito de concentración de accidentes na estrada AC-164
17/04/2019 - 04:37

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar hoxe a execución das obras para a eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada AC-164, ao seu paso polo Concello de Bergondo, por un investimento de máis de 346.000 euros.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro día 13 de maio para presentar as súas ofertas, podendo consultar toda información na Plataforma de Contratos da Xunta.

O proxecto está enmarcado na estratexia da Xunta para ter eliminados en 2020 todos os treitos de concentración de accidentes das estradas de titularidade autonómica. E as obras desenvolveranse no tramo comprendido entre o p.q. 3+000, na intersección coa estrada local a San Isidro, e o p.q. 4+000, na glorieta dos Condes.

A principal actuación consiste na execución dunha glorieta na intersección do p.q. 3 coa estrada a San Isidro. Os seus obxectivos son habilitar un punto no que realizar xiros e cambios de sentido con seguridade, e calmar o tráfico no tramo de actuación.

Tamén se levará a cabo a reforma de interseccións, con actuacións coma a execución de cuñas de cambio de velocidade para facilitar as saídas da estrada ou ás incorporacións a ela; ademais limitaranse os xiros á esquerda, que deberán de realizarse na nova glorieta.

Ademais, as obras incluirán a mellora do paso de peóns existente no acceso á Casa do Concello mediante o reforzo de sinais luminosas de paso de peóns e a ampliación nesta zona das beirarrúas para impedir de xeito efectivo o aparcamento nos 10 metros anteriores e facilitar así a súa visibilidade. Tamén se limitará a velocidade no treito.