Inicio / Noticias / A Xunta licita os traballos de restauración do retablo maior da igrexa de Berres, na Estrada, por valor de 54.000 euros
04/06/2019 - 03:34

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2019.- A Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe a licitación da restauración do retablo maior e as imaxes da igrexa de San Vicente de Berres, na Estrada, cun orzamento de máis de 54.000 euros. O prazo de execución deste contrato será de sete meses, a contar desde a sinatura do mesmo, e as empresas interesadas en concorrer á licitación teñen de prazo ata o día 19 de xuño para presentar as súas ofertas.

Trátase dun retablo de estilo barroco, incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, que se asenta sobre un sotobanco de madeira. Este, á súa vez, se atopa apoiado na súa zona central sobre un banco de pedra. O corpo principal do retablo está dividido en tres rúas. A rúa central, de maiores dimensións que as laterais, alberga un baldaquino de dúas alturas. Na zona inferior sitúase un sagrario-expositor cunha reliquia atribuída a San Vicente e a zona superior atópase unha imaxe do Neno Xesús. No caso da rúa lateral dereita do retablo, figura unha imaxe da Virxe entregando o Rosario a Santo Domingo, e na esquerda, a imaxe de San Gregorio Magno.

Este ben presenta un ataque de térmite, sen que se poida constatar se está activo e o seu alcance a nivel estrutural. Ademais, a policromía e dourados do retablo e das imaxes presentan problemas de descohesión debido aos movementos do soporte causados polos cambios de humidade e temperatura no interior do templo, así como polas filtracións de auga a través da cuberta. Estas filtracións foron emendadas nunha intervención de 2006. Porén, unha parte considerable da policromía está a piques de caer e outra parte está desaparecida.

Actuacións previstas

Deste xeito, as actuacións que se acometerán consistirán na desmontaxe do retablo co fin de paliar os danos ocasionados na estrutura polo ataque da térmite e que mesmo poden poñer en perigo a estabilidade do mesmo. Acto seguido realizaranse labores de desinsectación por parte dunha empresa especializada co fin de frear ou prever futuros ataques.

Así mesmo, acometeranse catas en diferentes zonas do retablo e das imaxes para avaliar o estado de conservación da policromía, oculta por un repinte realizado no ben, co fin de avaliar a súa retirada. Por último, realizaranse tratamentos de consolidación do soporte, reparación e substitución de elementos estructurais, fixación da capa pictórica, reintegración de volumes perdidos, retirada de vernices oxidados e limpeza da policromía, reintegración cromática e aplicación dunha capa de protección final.

Catro fases de traballos

O contrato de restauración inclúe catro fases de actuación. A primeira centrarase na redacción do proxecto. A segunda incluirá, entre outros traballos, a elaboración de mapas sobre o estado de conservación do ben, a desmontaxe do retablo, o tratamento de desinsectación, a reparación ou substitución de elementos que así o precisen e a posterior montaxe definitiva do retablo, xunto coa ancoraxe ao muro mediante pletinas de aceiro inoxidable.

A terceira fase abranguera a eliminación de repintes, purpurinas e pan de ouro non orixinal na policromía, a súa limpeza e a retirada de vernices oxidados que poidan escurecela, así como outras actuacións para a súa protección. Incluirase, ademais, a restauración do frontal do altar e das imaxes de San Domingo e Virxe do Rosario, San Gregorio, Neno Xesús, San Vicente e as imaxes situadas nas fornelas dereita e esquerda do ático. A cuarta e última fase inclúe a redacción do informe final sobre as actuacións acometidas.