Inicio / Noticias / A Xunta licita por 1,4 M€ as obras de mellora integral da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada PO-330 en Valadares e Pereiró, no Concello de Vigo
29/11/2021 - 02:51
A Xunta licita por 1,4 M€ as obras de mellora integral da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada PO-330 en Valadares e Pereiró, no Concello de Vigo

Vigo, 29 de novembro de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras de mellora integral da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada PO-330 en Valadares e en Pereiró, no concello de Vigo, por un importe de 1,4 millóns de euros. Segundo apuntou, o investimento da Xunta nesta actuación elevarase ata os 1,8 M€, tendo en conta o pagamento dos terreos necesarios para a execución dos traballos.

A conselleira, acompañada da delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, presentou hoxe en Pereiró o conxunto de actuacións previstas para acometer ao longo de 7 quilómetros da estrada que conecta Vigo con Vincios.

A conselleira avanzou que se trata dun conxunto de obras integral e ambicioso, que foi abordado tanto cos veciños de Valadares como cos comerciantes de Pereiró.

Concretou que o obxectivo da Xunta é iniciar na primavera do vindeiro ano as obras, que teñen un prazo de execución de 10 meses e, polo tanto, poderán estar rematadas na primavera de 2023. A partir da súa licitación hoxe, as empresas interesadas en realizar os traballos teñen de prazo ata o 27 de decembro para presentar as súas ofertas.

Ethel Vázquez explicou que a finalidade das obras é reforzar a seguridade viaria e mellorar a mobilidade tanto rodada como a pé, tendo en conta que se trata dunha zona moi urbanizada e concorrida.

Subliñou que a intervención incluirá a eliminación dun treito identificado como de concentración de accidentes, situado en Valadares, mediante a creación dun carril central de espera que resolva de xeito seguro o acceso ao colexio Andersen, ademais do reforzo da sinalización dos pasos de peóns.

Tamén en Valadares a Xunta executará dúas novas glorietas de 28 metros de diámetro, unha delas para mellorar o acceso á piscina municipal e ao pavillón desde a que, atendendo a unha solicitude dos veciños, se habilitará un novo viario de dobre sentido cara á escola infantil Monte do Alba. A segunda rotonda construirase no Alto da Garrida, na intersección coa estrada A Garrida-Valadares, que mellorará a seguridade viaria dun cruce que rexistra un elevado tráfico pesado, xa que dá servizo aos polígonos empresariais de Valadares e da Pasaxe, ademais de a unha canteira e ao miradoiro de Monte de Alba, e atópase próximo á AG-57.

A conselleira explicou que en Pereiró está previsto urbanizar o treito dos 450 primeiros metros da estrada, ata glorieta que está fronte ao cemiterio e que serve de enlace coa vía da universidade, con especial atención ao espazo de aparcadoiro. A ese respecto, indicou que se disporán 36 prazas de estacionamento, 10 máis das que hai na actualidade, e reservaranse 2 para persoas con mobilidade reducida.

Xunto con isto, mellorarase a intersección coa rúa Canteiros mediante a instalación de illotes e con sinalización horizontal e disporase de adoquín nos accesos aos garaxes. Ademais, reforzarase a seguridade doutras tres interseccións (en Carneiras, Carregal e no Portal) mediante sinalización horizontal, como balizas reflectoras, bandas sonoras ou illotes.

Na súa intervención, Ethel Vázquez fixo especial fincapé na mellora da seguridade viaria dos centros educativos, como se fará no colexio Barreiro, achegando o paso de peóns á entrada do centro e implantando outras medidas de calmado de tráfico, como bandas transversais de alerta para atenuar a velocidade.

Mellorarase, tamén, o acceso ao CEIP Igrexa Valadares, co acondicionamento do camiño e intervindo nos radios de xiro da entrada e saída que empregan os autobuses para incorporase á estada PO-330, atendendo así outra solicitude veciñal.

Estas actuacións de mellora integral complementaranse coa reparación de beirarrúas nos treitos nos que sexa preciso e coa mellora da sinalización e da iluminación dos pasos de peóns.

Mellora da rede viaria da Xunta en Vigo

A conselleira puxo en valor o alcance das obras previstas na PO-330 e indicou que se suman a outras intervencións que demostran o compromiso da Xunta coa mellora da rede viaria autonómica na cidade de Vigo, como as humanizacións xa realizadas das avenidas de Castrelo e da Florida, as novas sendas ou a mellora da seguridade da estrada vella de Baiona, PO-552.

Anunciou que estas intervencións terán continuidade con novas obras na PO-323 en Teis, onde se prevé a mellora da avenida de Galicia, ou con outras actuacións de impulso da mobilidade sostible, como a prevista na avenida de Beiramar, para humanizar a fronte portuaria da cidade en colaboración coa Autoridade Portuaria.

Ethel Vázquez salientou, ademais, como ao tempo a Xunta encara tamén a recta final das obras da estación de autobuses intermodal e da parte dos accesos que está executando; tendo xa licitada a concesión da nova estación de autobuses, para ter todo preparado para a súa posta en servizo tan pronto o Concello teña rematados os accesos.