Inicio / Noticias / A Xunta licita por 523.000 euros a construción dunha nova senda peonil e ciclista que unirá o inicio da estrada a Portomarín (LU-612) coa localidade de Toiriz
03/04/2019 - 04:17
A Xunta licita por 523.000 euros a construción dunha nova senda peonil e ciclista que unirá o inicio da estrada a Portomarín (LU-612) coa localidade de Toiriz

Lugo, 03 de marzo de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por un importe de 523.000 euros, da obra de construción dunha senda peonil e ciclista na marxe dereita da estrada autonómica LU-612.

O itinerario, de nova creación, terá case dous quilómetros (1940 metros) de percorrido continuo desde o inicio da estrada a Portomarín (antiga vía a Santiago) ata a localidade de Toiriz, e transcorre na súa integridade polo termo municipal de Lugo.

Desde este momento dáse por iniciado o proceso de contratación desta obra, de tal xeito que as empresas interesadas en executar estes traballos teñen ata o 29 de abril para presentar as súas ofertas.

Características da nova senda

A nova senda está especialmente deseñada para garantir a seguridade de peóns e ciclistas e incorpora distintos elementos de seguridade e outras medidas complementarias (proteccións peonís, separación da circulación de vehículos,...).

Escolleuse a marxe dereita para garantir unha senda continua, incluído o paso pola glorieta presente neste treito, sen ter que realizar ningún cruce coa calzada. Incorpora tamén dúas marquesiñas de refuxio, emprazadas ao inicio do percorrido e xunto á fonte de Toiriz, co novo deseño previsto pola Xunta para os contornos urbanos.

Ademais, colocarase unha tubaxe para canalizar as augas de drenaxe, así como un prisma de canalizacións que permita nun futuro a instalación doutros servizos como iluminación, auga e telecomunicacións, sen necesidade de facer obras na senda.

O proxecto inclúe tamén a execución doutras medidas complementarias como novas arquetas, accesos seguros ás vivendas (vados), e a mellora e reforzo da sinalización horizontal e vertical e doutros elementos de balizamento.

Cómpre lembrar que esta actuación, licitada polo Executivo autonómico, busca multiplicar contornos aptos para a práctica de distintas actividades deportivas ao aire libre (camiñar, correr, andar en bicicleta ...).

Trátase ademais dunha aposta da Xunta por unha mobilidade máis saudable e sustentable que atende a criterios de integración paisaxística, sustentabilidade pero, ante todo, polo reforzo da seguridade viaria.