Inicio / Noticias / A Xunta licita por 702.000 € as obras de reparación e posta en valor da Ponte Nafonso na estrada autonómica AC-196 en Noia
05/03/2021 - 02:40
A Xunta licita por 702.000 € as obras de reparación e posta en valor da Ponte Nafonso na estrada autonómica AC-196 en Noia

Noia (A Coruña), 5 de marzo de 2021.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, realizaron hoxe unha visita á Ponte Nafonso, coincidindo coa licitación das obras, por importe de 702.000 euros, para a reparación e posta en valor desta infraestrutura por parte da Xunta.

As empresas interesadas teñen agora de prazo ata o 31 de marzo para presentar as súas ofertas.

O delegado territorial salientou que se trata dunha actuación integral para mellorar a seguridade da ponte e garantir a súa conservación, que contará cun investimento autonómico global de 707.000 euros, tendo en conta as actuacións de vixilancia ambiental e o seguimento e control arqueolóxico.

Trenor lembrou que a ponte Nafonso é un ben catalogado patrimonialmente, situado entre os municipios de Serra de Outes e Noia, na estrada autonómica AC-196. Dado o seu valor histórico as obras previstas consistirán na substitución do pavimento e da varanda existente porque se atopan en mal estado de conservación.

Ademais, levarase a cabo a limpeza dos paramentos exteriores da ponte mesma coa fin de mellorar o seu aspecto estético eliminando os elementos daniños da fachada da fábrica de pedra e así para mantela en bo estado de conservación.

O proxecto tamén contempla dúas actuacións concretas para iluminar a calzada e para a iluminación monumental da propia ponte, o que permitirá a súa posta en valor e unha notable mellora na seguridade viaria para vehículos e peóns. Tamén está previsto que se coloquen paneis informativos e carteis de localización.

Trenor destacou “a importancia deste tipo de actuacións nas pontes porque as rehabilitacións integrais prolongan a súa vida útil e poñen en valor o que son xa elementos representativos do patrimonio e da historia dos concellos galegos”.