Inicio / Noticias / A Xunta licita por máis de 1 M€ as obras de mellora do firme de dúas estradas autonómicas en Carballeda de Valdeorras, mellorando o acceso ás canteiras de lousa
24/04/2020 - 03:27

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2020.- A Xunta publica hoxe na Plataforma de contratos públicos de Galicia a licitación das obras de mellora do firme nas estradas autonómicas OU-122 e OU-123, ao seu paso polo concello de Carballeda de Valdeorras, cun investimento de máis de 1 millón de euros.

As empresas interesadas nesta obra, que terán un prazo de execución de 6 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 20 de maio. O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é acometer os traballos neste mesmo ano 2020.Esta actuación comprenderá intervencións na estrada OU-122, desde o punto quilométrico 16+400 ata o final da mesma na fronteira coa provincia de León, no 26+260, e na estrada OU-123 ao completo, desde a mesma OU-122 a Casaio.

Os traballos obxecto de este contrato prevén actuar en todo o ancho da plataforma das dúas estradas e consisten na mellora do estado dos firmes, con saneos profundos alí onde sexa necesario, limpeza de gabias e reperfilado de noiros. As obras incluirán o repintado da sinalización horizontal e reposición da sinalización vertical e balizamento.

Con esta actuación, o departamento de Infraestruturas da Xunta intervirá nos treitos que soportan o tráfico de vehículos de grande tonelaxe que acceden ás canteiras de lousa de Carballeda de Valdeorras, polo que o firme sofre importantes cargas que obrigan a actuar sobre o mesmo para rehabilitalo. Trátase, por tanto, dunha intervención que vai máis alá das obras de mellora de firme, sendo unha actuación fundamental para a actividade económica da comarca de Valdeorras.

A conservación en bo estado das infraestruturas viarias da rede autonómica é unha das prioridades do Xunta de Galicia. Con esta licitación, o Goberno galego continúa a reforzar a seguridade viaria nas estradas autonómicas, ao tempo que impulsa investimentos para favorecer a actividade económica.