Inicio / Noticias / A Xunta licita por máis de 330.000 euros a mellora da estrada de acceso ao peirao de Fisterra
02/07/2022 - 13:08

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2022.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de licitar o proxecto de renovación integral da vía de acceso ao porto de Fisterra co fin de mellorar o estado do firme e facelo máis axeitado para as cargas de tráfico ás que está sometido. Esta actuación, que conta cun orzamento de 335.000 euros, afectará aos espazos comprendidos entre a rúa Federico Ávila e o paseo de Praia Ribeira, incluíndo a praza de Santa Catalina e o tramo inicial do paseo de Calafigueira.

Os traballos inclúen a retirada tanto do pavimento actual -composto por lastras- como da súa base -de formigón- para substituílos por un pavimento ríxido de formigón máis resistente e axeitado para o tráfico pesado que circula por esta estrada. As actuacións tamén inclúen a reposición e mellora dos elementos relacionados coa execución da obra, como poden ser os sumidoiros de drenaxe ou o encintado das lousas de granito da beirarrúas.    

As empresas interesadas en presentar ofertas a esta licitación poden facelo ata o vindeiro 20 de xullo e teñen á súa disposición toda a información tanto no perfil do contratante de Contratos de Galicia como na páxina web de Portos de Galicia. O prazo previsto de execución das obras é de tres meses.

Estes traballos engádense a outros xa realizado na zona por Portos de Galicia como a renovación do pavimento dos pantaláns, fingers e accesos a estas instalacións e a reparación de dúas ramplas de descarga -a adxacente ao edificio da lonxa e ao paseo Ribeira, así como a que se sitúa a continuación desta en paralelo ao dique de abrigo do porto- co obxectivo de facilitar o tránsito da maquinaria de traballo que opera na zona. Estas actuacións contaron cun investimento de máis de 600.000 euros.