Inicio / Noticias / A Xunta licita por preto de 460.000 € as obras da nova pasarela peonil na estrada PO-244 na contorna do colexio Santiago Apóstol, en Soutomaior
29/03/2023 - 04:08
A Xunta licita por preto de 460.000 € as obras da nova pasarela peonil na estrada PO-244 na contorna do colexio Santiago Apóstol, en Soutomaior

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por 458.674 euros as obras da nova pasarela peonil na estrada autonómica PO-244, situada nunha zona moi próxima ao colexio Santiago Apóstol, no concello de Soutomaior.  

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación para o acondicionamento deste itinerario peonil da PO-244, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de abril.  

O obxectivo da Xunta é iniciar as obras no verán e telas rematadas no primeiro trimestre de 2024, xa que contan cun prazo de execución de 6 meses. 

Con esta intervención acometeranse os traballos necesarios para a reposición da pasarela de madeira situada na marxe dereita desta estrada, no tramo comprendido entres os puntos quilométricos 12+300 e 12+480. Actuarase no tramo destinado á circulación peonil, formado por unha pasarela de madeira sobre pilotes do mesmo material, fincados no terraplén.  

A nova pasarela executarase en plástico reciclado, cunha anchura de paso libre de 2 metros, nos que se incluirán os correspondentes elementos de protección lateral, que disporán dunha altura de 1,10 metros. 

Na actualidade, nesta pasarela da estrada PO-244 o conxunto de madeira atópase bastante deteriorado, polo que se considera necesaria a substitución, de maneira que garanta a circulación dos peóns de xeito seguro.  

O plástico reciclado no que se executará a pasarela é un material que ofrece unha alta resistencia á humidade e á intemperie, non se astilla nin sofre degradación, permitindo un mantemento máis sinxelo e é de fácil instalación. 

Para realizar a instalación da nova pasarela procederase inicialmente ao fincado de pilotes sobre o terraplén existente.  

Os pilotes, que serán de plástico reciclado, terán unha lonxitude máxima de 6 metros e de 200 mm diámetro. En sentido lonxitudinal os soportes colocaranse cunha separación máxima de 2,50 metros. Ademais, será necesario, para a correcta ancoraxe dos mesmos ao terreo, garantir unha profundidade mínima de fincado de cando menos 1,6 metros e 1/3 da lonxitude total do pilote. 

Para a finca dos pilotes traballarase desde a plataforma da estrada anexa á zona de actuación, a PO-244. Durante os traballos tratarase de minimizar a afección aos usuarios desta vía. 

Unha vez fincados os pilotes que servirán de apoio, colocarase a estrutura da pasarela. Tras a disposición da pasarela instalaranse os elementos laterais de protección, cunha varanda superior de pezas de sección cadrada, ancorada en postes de perfil de sección cadrada de e de 1,25 m de altura. 

Ao final do tramo de pasarela hai actualmente unha zona con varanda de protección lateral de madeira, que será retirada, e instalarase o mesmo sistema de protección lateral que na pasarela, de modo que se unifiquen os elementos da zona.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.