Inicio / Noticias / A Xunta licitará antes de que remate o ano a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada entre Celanova e a fronteira portuguesa
17/12/2019 - 03:57
A Xunta licitará antes de que remate o ano a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada entre Celanova e a fronteira portuguesa

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladoulle hoxe aos alcaldes da comarca da Baixa Limia que a Xunta licitará antes de que remate o ano a redacción do proxecto de acondicionamento da estrada entre Celanova e a fronteira portuguesa.

O titular da Xunta reuniuse esta mañá en Santiago de Compostela co alcalde de Bande, José Antonio Armada; o alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias; a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez; e o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez.

Durante a xuntanza, Feijóo comunicoulles que a devandita actuación desenvolverase na estrada autonómica OU-540, ao longo de 30 quilómetros entre o final da autovía Ourense-Celanova e a fronteira portuguesa, e neste momento se están a planificar xa os traballos necesarios para a súa mellora.

A intervención afectará, principalmente, ao treito central da estrada, entre os puntos quilométricos 32 e 38 e entre os 41 e 62. "Será unha actuación ambiciosa que combinará o aumento da capacidade da vía mediante a execución de terceiros carrís de adiantamento, coa rectificación do trazado das curvas", abundou Feijóo, e detallou que o orzamento estimado é de case 9 millóns de euros.

Este proxecto, segundo lles explicou aos rexedores, "beneficiará a toda a poboación da comarca da Baixa Limia", á que pertencen os seus concellos.