Inicio / Noticias / A Xunta mantén o seguimento de uso das parcelas vendidas no parque empresarial de Ribadavia impulsando a reactivación de varios proxectos
19/04/2018 - 06:01

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2018.- A Xunta está levando a cabo as xestións necesarias de seguimento do uso das parcelas vendidas no parque empresarial de Ribadavia, e comprobando o grado de cumprimento dos compromisos establecidos nos contratos de compravenda, segundo indicou hoxe no Parlamento de Galicia o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto.

Con tal fin, no pasado mes de xaneiro remitíronse comunicacións aos propietarios de 8 parcelas vendidas que non foron edificadas e sobre as que non se dispón de datos, requirindo información sobre a situación e recordándolles a obrigación de cumprir os requisitos establecidos.

Dúas destas empresas xa comunicaron que se atopan redactando os proxectos para as súas instalacións, remitindo nun caso copia do anteproxecto. Nun terceiro caso a empresa indica que a superficie da parcela adquirida é insuficiente para o seu actual proxecto polo que, ante a imposibilidade de ampliar o espazo adquirindo unha das parcelas apegadas, estase estudando a posible solución ao caso.

Nos outros cinco casos estase agardando un tempo prudencial á reposta das empresas para adoptar as decisións que sexan oportunas, co obxectivo de que ese solo se destine ás actividades produtivas para o que foi creado.

Ademais destas 8 parcelas nas que os adquirentes superaron os prazos, existen outras 5 que se venderon en 2016 e 2017 que aínda están dentro do prazo de tres anos estipulado nos contratos.

En xaneiro a Xunta requiriu a todos os adquirentes de solo empresarial vendido polo IGVS ou Xestur o cumprimento das condicións establecidas nos contratos de compravenda en canto aos prazos de construción das instalacións. Da mesma maneira, enviouse un recordatorio aos adquirentes de solo bonificado adquirido en 2015 indicándolles que ao longo de 2018 se cumpren os tres anos establecidos para a construción das instalacións e a obtención da licenza de actividade, xa que a Xunta vai manter o seguimento sobre as parcelas adquiridas con bonificación.