Inicio / Noticias / A Xunta manterá conxeladas en 2020 as tarifas das peaxes das autoestradas autonómicas da Coruña-Carballo e do Val Miñor, nas que aplicará novas bonificacións
31/12/2019 - 12:53
A Xunta manterá conxeladas en 2020 as tarifas das peaxes das autoestradas autonómicas da Coruña-Carballo e do Val Miñor, nas que aplicará novas bonificacións

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2019.- A Xunta manterá no ano 2020 as actuais tarifas das peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57), e que se estenderán ata o ano 2023, cun investimento de 4,7 millóns de euros.

O departamento de Infraestruturas da Xunta e a Autoestradas de Galicia S.A renovaron o convenio de colaboración para manter o réxime de bonificacións de peaxe para itinerarios frecuentes, de volta no mesmo día, e os descontos por treito en horario nocturno aplicables ás peaxes vixentes nas dúas autoestradas.

A Xunta manterá conxeladas en 2020 as súas tarifas, salvo en dos únicos traxectos, en ambos casos para vehículos pesados.

Ademais, no vindeiro ano 2020, e tras a aprobación da Lei de impulso demográfico, o Goberno galego prevé incorporar a este convenio unha nova bonificación, neste caso para familias numerosas, tal e como prevé a devandita normativa autonómica.

Bonificacións nas viaxes de ida e volta e en horario nocturno

A achega económica da Xunta sustenta dous tipos de bonificacións aos usuarios. A primeira delas foi implantada no ano 2010 para os usuarios habituais das dúas autoestradas. Estas axudas posibilitan rebaixar para os días hábiles un 25% o importe da viaxe de volta dun traxecto de ida e volta; e o 50% no segundo e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas, para vehículos lixeiros e pesados, cando o usuario empregue o dispositivo de telepeaxe.

A segunda das bonificacións, que é unha novidade implantada en outubro deste ano 2019, é neste caso do 50% en horario nocturno, entre as 0:00 e as 6:00 horas de mañá, que se aplicará a todos os vehículos, lixeiros e pesados, que conten cun sistema de pago con telepeaxe.

En ambos casos o importe desas bonificacións descóntaselle ao cidadán e asúmeo a Xunta, repercutindo o aforro directamente nos usuarios destas autoestradas.A modo de exemplos prácticos, para unha persoa que realiza 4 viaxes ao día en vehículo lixeiros nun día laborable, o custo do traxecto na autoestrada A Coruña-Carballo baixa de 10,20 a 8,28 euros, e no caso do usuario da autoestrada Vigo-Baiona, redúcese de 6,80 a 5,55 euros. No caso dos vehículos de carga que aproveiten a bonificación nocturna, o custe do traxecto de ida e volta no caso da autoestrada A Coruña-Carballo baixará de 10,20 euros sen bonificación a 4,46 euros, e no traxecto Vigo- Baiona, de 6,80 a 2,97 euros.

Desde a súa implantación o pasado mes de outubro e ata o 30 de novembro, os descontos nocturnos permitiron bonificar 33.800 viaxes nocturnas.

Flexibilizar as peaxes para a mellora da competitividade

A Xunta conta coas autoestradas de peaxe coas tarifas das máis baixas de España e con estas bonificacións se busca aumentar aínda máis a competitividade das zonas da área de Vigo e entre A Coruña e Carballo. Trátase de facer máis asumible o tránsito aos usuarios que todos os días van e volven por estas vías de altas prestacións, ao tempo que captar o máximo tráfico posible cando a infraestrutura está máis infrautilizada, que é polas noites. Esta iniciativa do Goberno galego susténtase tamén na coherencia coas demandas trasladadas ao Ministerio de Fomento en relación coa flexibilización de peaxes na AP-9.