Inicio / Noticias / A Xunta mellora a estrada autonómica OU-531 na zona de Vilavidal e Pambre no termo municipal de Ramirás
27/09/2018 - 14:49

Ramirás (Ourense), 27 de setembro de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da AXI, vén de completar as obras de mellora da estrada autonómica OU-531, que une Xinzo con Cortegada, ao seu paso polo termo municipal de Ramirás, concretamente en Vilavidal e Pambre.

Os traballos, que se prolongarán durante esta semana, consistirán na pavimentación de dous tramos desta estrada nos que se estivo a traballar o pasado inverno para a rehabilitación do firme e a execución dunha glorieta no pq 37+200, en Vilavidal, amais da creación dun carril de incorporación e de xiro para mellorar a intersección de Pambre, no pq 30+900. Esta actuación completarase coa sinalización horizontal que se levará a cabo a mediados do vindeiro mes de outubro.

Esta actuación realízase con cargo ao contrato de conservación ordinaria, que inclúen obras encamiñadas ao mantemento das axeitadas condicións de seguridade, funcionalidade e nivel de servizo das estradas autonómicas. O investimento global das melloras realizadas na OU-531 ao seu paso por Ramirás cífrase en preto de 100.000 euros.

Travesía de Baltar

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén executou estes días uns traballos de conservación na travesía do concello de Baltar, na estrada OU-304, que consisten na rehabilitación do firme e que contan cun investimento de 90.000 euros.