Inicio / Noticias / A Xunta participa na estrada na presentación de dúas obras de Manuel García Barros
27/06/2020 - 09:00

A Estrada (Pontevedra), 27 de xuño de 2020.- A praza do mercado estradense acolleu hoxe á tarde, no marco das Festas do San Paio, o acto de presentación das obras Aventuras de Alberte Quiñoi e Estampas desde o val, de Manuel García Barros, Ken Keirades, ambas as dúas dadas ao prelo pola Editorial Galaxia coa colaboración da Xunta. Precisamente, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde, José López Campos, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro tomaron parte neste acto, no que se deu conta destas dúas novidades editoriais que poñen de actualidade ao senlleiro escritor e xornalista estradense.

Valentín García salientou que García Barros “transparenta nas súas obras e a través dos seus personaxes a vida, a historia, a etnografía, a idiosincrasia, as circunstancias e a realidade da Galicia da súa época”.

Aventuras de Alberte Quiñoi é unha reedición da novela escrita por García Barros en 1942, publicada en 1972, tras a morte do autor, que ofrece un retrato do correr dos días nunha aldea galega do Val do Ulla, nos últimos anos do século XIX, a través das trasnadas e aconteceres do cativo Alberte. É unha peza escrita con intelixencia e fonda sensibilidade, na que amosa un profundo coñecemento do país e que supera o costumismo a través do humor, cunha forte carga irónica no tratamento de costumes e dos temas relixioso e idiomático. Un espello da vida de gran valor etnográfico e unha crónica miúda dos días e dos oficios.

Estampas desde o val recolle unha selección de artigos de temática heteroxénea que Manuel García Barros deu á prensa entre 1901 e 1963, coa pretensión de ofrecer un panorama amplo da súa produción xornalística, fundamental para un mellor coñecemento do seu pensamento, moitas veces esquecido e silenciado, un elo máis na cadea da historia desde a óptica e protagonismo dun galeguista “carente de xestos inúteis, pero co alento aquecido por unha baril actitude de cerne galeguidade”, como o definiu o seu amigo e compañeiro de estadía no cárcere, Francisco Fernández del Riego.

Manuel García Barros (A Estrada, 1976-1972)

Manuel García Barros foi un mestre e labrego que naceu en 1876 en Berres (A Estrada) e morreu en 1972 en Callobre, parroquia pertencente ao mesmo concello. Realizou estudos de Maxisterio e foi fundador e director do xornal El Estradense (1906). Asinaba co pseudónimo Ken Keirades os seus artigos anticaciquís e debido ás súas ideas galeguistas e progresistas, tivo problemas coa xustiza, chegando a ser encarcerado en varias ocasións, coincidindo na prisión de Pontevedra con Fernández del Riego en 1955.

Da súa creación destacan a obra teatral Carta da Habana, estreada en 1926, Contiños da Terra (1931) e a novela As Aventuras de Alberte Quiñói, que rematou de escribir en 1942 e só vería a luz postumamente. Tamén a colección de relatos inéditos Enredos e a miscelánea autobiográfica Dos meus recordos foron publicados logo da súa morte.