Inicio / Noticias / A Xunta pecha co Concello do Porriño as bases do trazado da variante da estrada PO-510 co fin de mellorar a mobilidade dos veciños de Budiño e da contorna
07/02/2020 - 07:11

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020.- A Xunta pechou hoxe co Concello do Porriño as bases do trazado dunha variante da estrada autonómica PO-510 co fin de mellorar a mobilidade dos veciños de Budiño e doutros municipios limítrofes como Salceda de Caselas ou Salvaterra de Miño.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, abordou hoxe con representantes do Concello do Porriño a proposta da Xunta para desviar o trazado do treito da PO-510 máis próximo á A-55, evitando o tránsito por zonas industriais, de canteiras e con presenza de vivendas.

A Xunta modificará a proposta inicial para eliminar un ramal paralelo á PO-510, entre os seus puntos quilométricos 2 e 3, e aproveitará o viario interior do polígono, dispoñendo un paso inferior no novo treito en variante para permitir os movementos cara á A-55 e a PO-510.

O Goberno galego trasladoulle ao Concello que en canto realice esta modificación na proposta, xa iniciará os trámites necesarios para redactar os proxectos que materialicen a alternativa.

Cómpre lembrar que a Xunta xa lle presentara esta proposta aos veciños e ao Concello no pasado mes de outubro, comprometéndose o municipio a trasladar unha resposta que chegou no día de hoxe.

Francisco Menéndez explicou que esta opción permitiría eliminar o tráfico nos tres primeiros quilómetros da vía, de xeito que os dous primeiros darían servizo ás canteiras e ao polígono e o terceiro facilitaría a mobilidade dos veciños de Budiño.