Inicio / Noticias / A Xunta poderá participar nos grupos de traballo da Comisión Europea para o impulso do Corredor Atlántico de Mercadorías
08/04/2019 - 07:10
A Xunta poderá participar nos grupos de traballo da Comisión Europea para o impulso do Corredor Atlántico de Mercadorías

Bruxelas, 8 de abril de 2019.- A Comisión Europea convidará á Xunta de Galicia a participar nos grupos de traballo que prevé crear para artellar o impulso do Corredor Atlántico de Mercadorías. Así o avanzaron hoxe os representantes da Dirección xeral de Mobilidade e Transportes da UE na xuntanza que mantiveron coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

Na xuntanza, na que tamén participaron o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, ademais da directora da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, o Goberno galego defendeu o carácter estratéxico que ten para a nosa Comunidade a incorporación ao Corredor Atlántico de Mercadorías.

Os representantes do Goberno galego expuxeron o especial interese que ten a Comunidade autónoma por lograr que a incorporación ao Corredor Atlántico de Mercadorías se traduza nunha modernización real da nosa rede ferroviaria, especialmente para dotar aos principais portos galegos de óptimas conexións.

Na xuntanza, na que participaron, entre outros, Isabelle Maës, responsable de políticas da RTE-T no Atlántico e asesora sobre o Corredor Atlántico na Dirección Xeral de Mobilidade e Transporte, a Comisión Europea confirmou que as conexións ferroviarias dos portos de Vigo e da Coruña son infraestruturas estratéxicas. Trátase, segundo manifestaron, de actuacións óptimas para desenvolver a través dos fondos europeos do mecanismo ‘Conectar Europa’.

Os responsables comunitarios confirmaron que para acceder a eses fondos cómpre dotarse dunha planificación completa de actuacións e desenvolver proxectos concretos, de calidade e competitivos. Segundo avanzaron os seus representantes, a Comisión Europea porase en contacto proximamente co Ministerio de Fomento do Goberno de España para trasladarlle a necesidade de que se desenvolva ese traballo.

A Xunta e os membros da Comisión Europea coincidiron na necesidade de aproveitar a oportunidade que representa a aposta comunitaria polos corredores ferroviarios de mercadorías para incrementar a competitividade loxística e comercial de Galicia.

E, ademais, compartiron que é necesario incrementar a cota modal de transporte de mercadorías por ferrocarril fronte ao transporte por estrada, para avanzar así nos obxectivos de crecemento sostible.

Avances en saneamento

Na viaxe a Bruxelas, coordinada pola Fundación Galicia Europa, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse tamén coa directora de Calidade de Vida da Dirección xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Verónica Manfredi.

Nese encontro, o Goberno galego expuxo o traballo que vén realizando nos últimos anos para acadar o saneamento das rías e ríos de Galicia, un esforzo e un avance que foron recoñecidos de forma expresa pola Comisión Europa. Ese esforzo en saneamento e depuración permitiu que a calidade das augas mellorase e se incrementase, en consecuencia, a capacidade pesqueira e marisqueira nas nosas rías.

A Xunta e a Comisión Europea declaráronse “aliados” para avanzar no saneamento das augas galegas e avogaron por impulsar a coordinación das diferentes administracións con competencia na materia para continuar a avanzar nesta dirección.

Na xuntanza, a conselleira informou do especial esforzo que está a realizar a Xunta para acadar o saneamento da ría de Pontevedra, reportando información puntual cada tres meses á Unión Europea, que hoxe confirmou que se avanza na dirección correcta.

Os representantes da Xunta e do Goberno europeo se manifestaron a favor de traballar para que os fondos comunitarios consignados a proxectos de saneamento e depuración de augas se destinen finalmente a eses fins.

Nese sentido, Ethel Vázquez solicitou que desde as institucións comunitarias se dean facilidades para que os fondos destinados ao Goberno de España para saneamento se poidan destinar tamén á dragaxe da ría do Burgo, como actuación de mellora de calidade das augas, e non se desvíen a outros fins.

Sen embargo, a Comisión Europea confirmou que, polo momento, o Executivo español non deu ningún paso nesta dirección.

Xa pola tarde, a conselleira mantivo un encontro con membros da Dirección xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europa, na que participaron, entre outros, Ruddolf Niesler, director de crecemento sostible e intelixente.

Na reunión, os membros do Goberno galego e os responsables comunitarios abordaron as prioridades de traballo para o vindeiro período operativo de fondos Feder, no que se promoverán as infraestruturas sostibles para o uso eficiente da auga e de adaptación ao cambio climático.

Compartiron a necesidade de priorizar os investimentos na adaptación ao cambio climático e para garantir as reservas de auga, o que abre a posibilidade de optar a financiamento para financiar con fondos comunitarios as obras destinadas a garantir o abastecemento a Vigo e a zona sur da provincia de Pontevedra.