Inicio / Noticias / A Xunta pon a disposición dos veciños de Marín unha senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, cun investimento de 750.000 euros, para favorecer a mobilidade sustentable nesta contorna
27/12/2019 - 13:35

Marín (Pontevedra), 27 de decembro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisaron hoxe a senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, que xa está a disposición dos veciños de Marín co fin de favorecer a mobilidade sustentable e incrementar a seguridade viaria na contorna.

A esta visita tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

Trátase dunha nova senda peonil, cuxas obras veñen de rematar, que se construíu pola marxe dereita desta estrada que une Marín con Bueu (PO-551), no tramo entre Vilaseca e Lapamán, mediante un investimento autonómico de 750.000 euros.

O novo itinerario peonil, cunha lonxitude de 1,5 km e que chega á zona da praia, foi executado en formigón coloreado para que sexa facilmente visible por todos os usuarios e por parte dos condutores.

A actuación inclúe unha pasarela de madeira ancorada á estrutura da ponte xa existente grazas á que se poderá salvar un pequeno rego en condicións de seguridade garantindo a continuidade da senda.

Tamén se habilitou unha banda de aparcadoiro en liña, nas proximidades da praia de Lapamán, paralelo á estrada, co fin de facilitar o estacionamento na zona.

Estas obras suporán o incremento da seguridade viaria de condutores e peóns nunha área moi transitada, especialmente durante o verán, por mor das visitas ás praias.

Eliminación dun treito de concentración de accidentes

O Goberno galego daralle continuidade a este proxecto con outra actuación para a eliminación dun tramo de concentración de accidentes na estrada PO-551, ao seu paso polos Concellos de Bueu e Marín, cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas prevé comezar a contratación das obras en cuestión de días, en xaneiro de 2020, pois xa se dispón dos documentos técnicos e os fondos consignados.

Os traballos consistirán na execución dun novo treito de senda peonil ata o acceso á praia de Lapamán, ademais de mellorar a actual intersección coa execución dunha glorieta.

A Xunta, sumando o Plan de Sendas de Galicia, que recolle a execución de 4 itinerarios sostibles neste municipo; a eliminación de ‘puntos negros’; e a mellora da rúa Concepción Arenal está a mobilizar máis de 5 M€ para incrementar a seguridade viaria en máis de 8 km de estradas de Marín.