Inicio / Noticias / A Xunta pon en valor na Estrada o programa integrado de emprego Activa III que xa acadou máis dun 62% de inserción laboral
26/09/2018 - 03:26

A Estrada (Pontevedra), 26 de setembro de 2018.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe un dos talleres que se está impartindo no Programa Integrado de Emprego Activa III, que promove a Fundación Cultural A Estrada co financiamento da Xunta.

A iniciativa, cun orzamento de 240.000 euros, do que un 85% financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria, comezou coa participación de 85 parados de longa duración dos que 53 (máis dun 62%) incorporáronse xa ao mercado laboral en empresas de diferentes sectores como o metal, a hostalería, o comercio, a Administración, as telecomunicacións, a gandería ou a alimentación, entre outros. Ademais, houbo participantes que puxeron en marcha o seu propio proxecto empresarial para o que contaron con asesoramento en materia de emprendemento.

No programa integrado recibiron formación teórica-práctica de operador de carretilla, de inglés, informática, manipulador de alimentos, ao tempo que desenvolveron talleres de preparación de entrevistas de traballo ou de xestión de emocións e motivación, entre outros.

Marnotes destacou os bos resultados de inserción laboral que en xeral se acadan a través dos programas integrados de emprego, que financiados pola Administración autonómica, co apoio dos concellos ou entidades, teñen uno ano de duración, e están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

Na convocatoria actual dos Programas Integrados de Emprego 2017-2018, que remata no mes de novembro, están a participar en toda Galicia 4337 alumnos e alumnos dos que de media preto do 40% acadaron ata o de agora a súa inserción no mercado laboral (1.683 persoas).

A nova edición dos programas integrados de emprego para os anos 2018 e 2019 arrancará nas próximas semanas. Promovidos por concellos e por entidades sen ánimo de lucro, a Administración autonómica prevé a participación de 4300 persoas desempregadas en 43 programas co obxectivo de que poidan incrementar as súas oportunidades laborais.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza este ano esta iniciativa aumentando nun 15% o orzamento, polo que investirá un total de 10,9 millóns de euros entre 2018 e 2019 para aumentar o apoio que cada entidade percibe. Así, os beneficiarios destas axudas recibirán 2500 euros por cada persoa participante no programa, o que supón un 4% máis con respecto a edicións anteriores.

Coa iniciativa, priorizarase por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais.

Na próxima edición, e ao igual que na que se está a desenvolver na actualidade, destinaranse dous millóns de euros para programas específicos para mulleres, un 18,3% do total, para seguir desenvolvendo unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.

Nesta convocatoria tamén se continuará primando a aqueles proxectos nos que se implique o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Obradoiros de emprego

A Xunta, ademais, en materia de formación no emprego, para persoas sen traballo, financia os obradoiros de emprego. Galicia contará, en 2018-2019, cun total de 105 talleres, para impulsar a empregabilidade de 2000 persoas na Comunidade. En concreto, o Goberno galego destina un 25% máis que no período anterior. Por unha banda, son 23 obradoiros para menores de 30 anos aos que se destinan 3,4 millóns e un total de 23,26 millóns para a celebración dos obradoiros duais nos que participarán máis de 1600 alumnos dos 206 concellos beneficiarios.

Marnotes explicou que a principal novidade desta nova modalidade é que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

O director xeral, para rematar, resaltou a importancia da colaboración institucional para poñer en marcha iniciativas como os obradoiros e os programas integrados de emprego cos que se contribúen a para contar cunha Comunidade máis competitiva e con máis capacidade para crear riqueza.