Inicio / Noticias / A Xunta pon en valor que o obradoiro de emprego da Estrada permitiu que 20 desempregados recibiran formación e un traballo
01/08/2019 - 07:14
A Xunta pon en valor que o obradoiro de emprego da Estrada permitiu que 20 desempregados recibiran formación e un traballo

A Estrada (Pontevedra), 1 de agosto de 2019.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe o obradoiro de emprego da Estrada, onde puxo en valor a importancia destes programas de formación e emprego, xa que permiten aos seus participantes ao longo de nove meses mellorar a súa capacitación profesional ao tempo que acceden a un posto de traballo.

Neste caso, un total de 20 persoas sen emprego recibiron cualificación nas especialidades de albanelería e xardinería e demostraron as habilidades aprendidas en diferentes traballos que contribuíron á mellora da localidade estradense. Así, entre outros, fixeron arranxos en diferentes escolas unitarias do concello: en San Pedro de Ancorados, Moreira, Vinseiro e Lamas. Tamén desenvolveron traballos de mantemento de xardíns municipais e participaron na construción dun parque canino na zona da Baiuca.

Casal sinalou que os programas de formación dual, flexible e á carta polos que está apostando a Xunta están a incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas, como é o caso dos obradoiros de emprego. Así, a Xunta porá en marcha en 2019/2020 e, por segundo ano consecutivo, estes programas cun orzamento de 21 millóns de euros para poder beneficiar a 1200 persoas sen emprego. Primaranse os obradoiros forestais e no acceso a este programa terán preferencia emigrantes retornados, desempregados maiores de 45 anos e mulleres. Así mesmo, tamén desenvolveranse obradoiros específicos para menores de 30 anos, os que forman parte do sistema de Garantía Xuvenil.

Os obradoiros de emprego son unha iniciativa que promove a Xunta coa colaboración dos Concellos. No caso da Estrada, a Consellería de Economía, Emprego e Industria financiou o programa con preto de 320.000 euros, case o 75% do global. Ao respecto, Casal sinalou a importancia da colaboración cos concellos galegos para seguir creando emprego, agradecendo á Administración local da Estrada a súa implicación. Indicou que só a través da cooperación e coordinación entre as institucións públicas se poderán ofrecer novas oportunidades laborais ás persoas desempregadas.