Inicio / Noticias / A Xunta preséntalles aos veciños de Budiño, no Porriño, a proposta para executar unha variante da estrada PO-510 con conexión coa A-55 para liberar tráfico e mellorar a mobilidade nesta parroquia
21/10/2019 - 05:17

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019.- O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentoulles ao Concello do Porriño e aos veciños de Budiño a proposta de execución dunha variante da estrada PO-510 con conexión directa coa A-55 para liberar tráfico e mellorar a mobilidade nesta parroquia.

Francisco Menéndez explicou que se trata de executar unha variante da estrada PO-510 para a conexión directa coa A-55, dende o punto quilométrico 3 e aproveitando o viario do polígono industrial.

Concretou que esta opción, que tivo boa acollida por parte dos asistentes á reunión, permitiría eliminar tráfico nos tres primeiros quilómetros da vía, de xeito que os dous primeiros darían servizo ás canteiras e ao polígono e o terceiro facilitaría a mobilidade dos veciños de Budiño.

Avanzou que a Xunta lle remitirá hoxe mesmo os planos relativos a esta proposta ao Concello do Porriño para que os poida analizar para posteriormente trasladarlle esta solución ao Ministerio de Fomento e avaliar a forma de conexión concreta coa A-55.

Precisou que nun prazo duns quince días a Consellería de Infraestruturas manterá unha xuntanza coa Concello do Porriño para avanzar na solución a estas demandas.

O director da AXI subliñou que dende o punto de vista técnico esta alternativa resultaría beneficiosa para os veciños de Budiño, o sector do granito, o polígono industrial e outros concellos como Salceda de Caselas ou Salvaterra de Miño que tamén empregan a PO-510.