Inicio / Noticias / A Xunta presenta o deseño da futura Estación de Autobuses Intermodal da Coruña, cuxas obras prevé licitar no último trimestre de 2020 cun investimento de 17,4 millóns de euros
16/12/2019 - 05:24
A Xunta presenta o deseño da futura Estación de Autobuses Intermodal da Coruña, cuxas obras prevé licitar no último trimestre de 2020 cun investimento de 17,4 millóns de euros

A Coruña, 16 de decembro de 2019.- A Xunta de Galicia presentou hoxe deseño da futura estación de autobuses intermodal da Coruña, cuxas obras prevé licitar no cuarto trimestre de 2020 e nas que investirá 17,4 millóns de euros. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, coa que coincidiu na necesidade de “recuperar o tempo perdido” nesta infraestrutura estratéxica para a cidade.

Na xuntanza, na que tamén participaron o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, o Goberno galego presentou o proxecto básico da nova terminal de autobuses.

O avance deste deseño permitirá que a Xunta comece xa en xaneiro a tramitación urbanística da nova estación de autobuses, que se realizará a través da lei autonómica que permite aprobar proxectos de interese público non recollidos no planeamento municipal, sempre e cando o Concello emita un informe favorable.

A nova terminal de autobuses forma parte da iniciativa conxunta que fará da estación de San Cristóbal un gran complexo de transportes e comunicacións, destinado a facilitar o acceso en tren e autobús á cidade, e no que a Xunta, o Ministerio de Fomento e o Concello da Coruña investirán un total de 80 millóns de euros.

Tamén contribuirá á mellorar todo este ámbito urbano e facer cidade ao gañar espazos urbanos de calidade e zonas de lecer para os veciños.A conselleira adiantou os detalles do proxecto e explicou que a estación se construirá sobre o novo aparcamento previsto para a avenida da Sardiñeira, que contará con 325 prazas. Concretou que, á cota desa rúa, situaranse o edificio de viaxeiros equipado cos servizos básicos como taquillas, aseos, zona de oficinas, así como o patio de dársenas, que poderá acoller 18 autobuses simultaneamente.

A terminal de autobuses que executará a Xunta terá un prazo de construción de 18 meses.Segundo apuntou a conselleira, todas estas actuacións coordínanse e compleméntanse coa reurbanización da rúa Sardiñeira, que acollerá os accesos rodados e un dos accesos peonís, e no que se ten traballado nun deseño de integración urbana que vai mellorar moito a configuración actual da rúa.

Pola outra banda, abundou, atoparase a terminal ferroviaria, que xa conta tamén co proxecto de remodelación e que terá comunicación peonil directa coa terminal de autobuses. A este respecto, a conselleira lembrou que a licitación das obras xa foi anunciada hai medio ano e segue pendente de materializarse.

Ethel Vázquez puxo o acento na importancia do traballo conxunto das tres administracións implicadas, Xunta, Concello e Adif, o que permitirá que as obras se executen de forma coordinada.

Ademais, avogou por avanzar para conseguir firmar un convenio de colaboración que blinde a futura estación intermodal para os coruñeses, recollendo os compromisos de cada unha das partes implicadas.