Inicio / Noticias / A Xunta promociona as 122 sendas homologadas de Galicia coa presentación dunha guía no sendeiro dos Carranos en Covelo
09/06/2022 - 06:19
A Xunta promociona as 122 sendas homologadas de Galicia coa presentación dunha guía no sendeiro dos Carranos en Covelo

Covelo, 9 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, está a promocionar as 122 rutas de sendeirismo homologadas da comunidade autónoma a través da guía Sendas para Descubrir un País, que foi presentada esta mañá polo delegado territorial en Pontevedra, Luis López, no sendeiro dos Carranos, no Concello de Covelo.

O representante autonómico, acompañado polo alcalde, Pablo Castillo, deu a coñecer este catálogo durante un percorrido entre a casa reitoral de Fofe e a praia fluvial de Maceira, que pertence ao citado roteiro, de 5,2 quilómetros, e que aparece recollido nesta publicación con 42 sendas da provincia de Pontevedra.

Cómpre sinalar que os 122 percorridos homologados recollidos nesta guía, que contan cunha ficha individual e toda a información precisa para os camiñantes, cumpren cos requisitos da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada e da Federación Galega de Montañismo. Ademais, no documento contémplase información xeral sobre a sinalización e outras recomendacións das rutas e incluso complétase coa app Sendegal para que os camiñantes poidan recabar os datos que precisen durante os percorridos.

“Esta guía impulsada pola Xunta de Galicia é unha ferramenta moi completa para os amantes da natureza, que poderán descubrir lugares prodixiosos, moitos deles aínda bastante descoñecidos, coa máxima seguridade e cunha completa información, xa que se enmarca na estratexia turística transversal do Goberno galego de aproveitar e dar a coñecer todos os moitísimos recursos turísticos dos que dispoñemos”, sinalou o delegado territorial.

Luis López destacou a calidade e beleza do sendeiros dos Carranos, que debe a súa denominación ao antigo serradoiro hidráulico deste mesmo nome e do que se cumpren exactamente cen anos da súa construción, e tamén salientou o “forte apoio” da Xunta aos investimentos turísticos no Concello de Covelo, cifrados en 175.000 euros nos últimos anos.

Así, Turismo de Galicia concedeu neste tempo cinco achegas á administración local para a mellora da contorna da igrexa de Barciademera, o acondicionamento dunha zona de autocaravanas, a mellora dos miradoiros e a habilitación dun aparcadoiro e de accesos á praia fluvial de Maceira e tamén outorgou axudas, xa no ámbito privado, para o acondicionamento da Casa do Souto e da páxina web da reitoral de Fofe.