Inicio / Noticias / A Xunta propón unha estación intermodal de Ferrol que integre as terminais de autobuses e tren nun único edificio e se acompañe dunha modernización das liñas ferroviarias
29/11/2019 - 02:14
A Xunta propón unha estación intermodal de Ferrol que integre as terminais de autobuses e tren nun único edificio e se acompañe dunha modernización das liñas ferroviarias

Ferrol, 29 de novembro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presentou hoxe o proxecto da estación intermodal de Ferrol, que permitirá integrar as terminais de autobuses e ferrocarril nun único edificio e habilitar novos espazos na contorna para uso e desfrute dos veciños.

Vázquez Mourelle explicou que este proxecto é o resultado dun completo estudo das posibilidades de intermodalidade na cidade co obxectivo de acadar a alternativa que mellor garanta a conexión entre os distintos modos de transporte. Precisou que este documento xa foi trasladado ao Concello e a Adif, administracións implicadas neste proxecto estratéxico.

Indicou que se trata da construción dun novo edificio que albergue ambas as terminais e garanta a máxima funcionalidade nos transbordos do tren e do autobús. Engadiu unha maior eficiencia, ao reducirse os gastos de mantemento que suporían dous edificios separados.

Sinalou que se trata dunha estación intermodal ben situada na trama urbana, un nó de comunicacións en pleno centro da cidade e con boa accesibilidade, o que facilita a entrada e saída dos autobuses e ofrece maiores prestacións aos viaxeiros.

O edificio da terminal de autobuses, que é de responsabilidade directa da Xunta, situaríase elevado sobre as dársenas, integrado na edificación da terminal de tren e a nivel cos andéns ferroviarios. Deséñase con 1.900 m² construídos, distribuídos nas súas distintas alturas, para albergar os servizos de venda de billetes, consigna de equipaxes e bicicletas, oficinas, aseos, información ao viaxeiro ou cafetería.

Tamén se dispoñen 14 dársenas, ademais de 5 para estacionamento adicional para vehículos, e se inclúe espazo para parada de taxi e zona de parada rápida.

Ethel Vázquez salientou que ademais desta terminal, para garantir a intermodalidade na cidade, cómpren actuacións como a reurbanización das zonas oeste e sur, o acondicionamento do aparcadoiro e a execución dunha nova praza vinculada á estación e a adecuación das terminais ferroviarias que debería levar a cabo Adif.

Precisou que se reordenarán os accesos para dar máis fluidez ao tráfico; se reurbanizará o contorno, para adecuar a infraestrutura e os servizos asociados a ela á trama urbana; e se crearán espazos públicos, coa nova avenida e o espazo entre as terminais e o Baluarte do Infante, para uso e desfrute dos veciños, con mobiliario urbano e zonas verdes.

Fixo fincapé na creación de arredor de 400 prazas de aparcadoiro en todo o ámbito, é dicir, 224 prazas para estacionamento en superficie, 90 que se habilitarán na nova avenida e entre 75 e 100 do aparcadoiro privado dentro da intermodal.

Tamén destacou outras preto de 500 prazas de estacionamento no contorno que están vinculadas ao desenvolvemento da planificación urbanística de Ferrol: 330 no aparcadoiro soterrado de Sánchez Aguilera e 168 en superficie.

A conselleira agarda poder comezar axiña o diálogo con Adif e o Concello para avanzar nun proxecto de consenso. Recordou que as estacións intermodais requiren da implicación das distintas administracións: a Xunta, na terminal de autobuses; o Ministerio de Fomento, na terminal ferroviaria; e os concellos nos accesos e a tramitación urbanística.

Lembrou que é necesaria a sinatura dun convenio que sente as bases da colaboración e sele o reparto de responsabilidades de cada unha das administracións para facilitar o desenvolvemento do proxecto.

Apuntou que así, na liña da coordinación, é como se están a impulsar as terminais de autobuses integradas nas de ferrocarril en Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Modernización das liñas ferroviarias

Por outra parte, a titular de Infraestruturas destacou que é fundamental que Ferrol conte con servizos ferroviarios competitivos. Neste sentido, lembrou que a Xunta vénlle insistindo ao Ministerio de Fomento nas necesarias mellora e modernización das liñas ferroviarias de FEVE e entre A Coruña e Ferrol.

O Goberno galego vén reivindicando que o Executivo estatal acometa xa a primeira actuación, o baipás de Betanzos.

Resaltou que os veciños de Ferrol teñen que quedar conectados dun modo rápido, seguro e competitivo co Eixo Atlántico e tamén co AVE a Madrid.

Subliñou que a Xunta agarda que o Goberno central cumpra o seu compromiso para a chegada da alta velocidade ferroviaria e tamén coa modernización da liña FEVE e da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol.