Inicio / Noticias / A Xunta publica a convocatoria dos actos expropiatorios dos terreos necesarios para executar a senda peonil na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504, en Sanxenxo
26/05/2023 - 14:35

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para os vindeiros días 20 de xuño e 19 de setembro, dos actos expropiatorios para executar as obras da senda peonil na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504, no concello de Sanxenxo.

Esta actuación, que ten como obxectivo resolver unha barreira de mobilidade e permitir un itinerario máis seguro e accesible nesta contorna do municipio pontevedrés, e cuxas obras está licitadas, suporán un investimento de preto de 180.000 euros.

Trátase de habilitar un itinerario peonil de 382 metros de lonxitude, para unir ambas as marxes da autovía e resolver a barreira que supón para a mobilidade peonil pola alta densidade de tráfico que rexistra este enlace coa estrada autonómica.

Segundo recolle hoxe o DOG, os actos para o levantamento de actas previas á ocupación están convocados para o vindeiro día 20 de xuño, das 10,00 ás 11,00 horas no salón de plenos do Concello. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 19 de setembro, á mesma hora e no mesmo lugar. No seguinte enlace pode consultarse esta información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230526/AnuncioG0181-120523-0001_gl.html

A previsión é adxudicar as obras no verán co obxectivo de inicialas no outono e co horizonte de que os traballos estean rematados a finais deste ano ou principios de 2024, tendo en conta que o prazo de execución é de 2 meses.

Máis concretamente, habilitarase un novo itinerario peonil que, nun primeiro treito, partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita da estrada PO-504 -ao seu inicio no lugar de Vinquiño- para chegar ata o paso inferior da autovía; e, nun segundo treito, continuar desde alí e facendo unha “L”, ata a glorieta inferior do enlace da autovía, comunicando a dita senda coa zona comercial e a estación de servizo.  

No primeiro treito, adaptaranse as beirarrúas existentes e os terreos para obter unha beiravía mínima de 0,7 metros. E no segundo treito, unha vez pasado o paso inferior, a senda discorrerá paralela aos muros e ao pé do noiro da propia autovía para rematar na glorieta inferior do enlace que dá acceso a Sanxenxo.

A sección mínima da senda terá un ancho medio de 2,5 metros e contará con pavimento de formigón e bordo de separación coa calzada.

A actuación complementarase coa dotación de iluminación pública, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos afectados e a dotación de diferentes xardineiras no treito paralelo á PO-504.

Con esta alternativa, evítase o paso polo enlace da glorieta inferior de acceso a Sanxenxo, conseguindo así unha maior seguridade viaria para os peóns e garantindo unha solución técnica e viable a un problema de mobilidade peonil e de comunicación xa existente neste punto de acceso á vila onde, ademais, se atopa un importante núcleo de establecementos comerciais. A nova senda posibilitará, polo tanto, un itinerario accesible polo cal os peóns poderán circular en condicións de máxima seguridade.