Inicio / Noticias / A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Ames do tramo da estrada AC-543 en Bertamiráns
30/04/2020 - 14:02

Santiago, 30 de abril de 2020.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Ames, do treito da estrada AC-543, entre os puntos quilométricos 6+250 e 8+390, ao seu paso por Bertamiráns.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este decreto, que xa foi autorizado recentemente no Consello da Xunta: https://bit.ly/3aRwTaG

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Ames asinaron un convenio de colaboración para o acondicionamento do citado treito da estrada autonómica, de máis de 2 km de lonxitude, entre a rotonda da autovía AG-56 ata o límite co municipio de Brión.

O Goberno galego financia este proxecto mediante a achega dun investimento de máis de 140.000 euros.

Os traballos consisten na reparación de brandóns e roturas coa fresadura do pavimento e reforzo do firme, así como o repintado das marcas viarias.

No marco deste acordo, o Concello de Ames executará os traballos e acepta a transferencia da titularidade do treito.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos que estean incluídos no inventario da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta.

A transferencia será efectiva o día seguinte ao da publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia, é dicir, a partir de mañá.

Esta colaboración do Goberno galego co Concello de Ames trata de fomentar aqueles investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas, coa finalidade dun desenvolvemento económico e social que achegue unha maior calidade de vida á cidadanía.