Inicio / Noticias / A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do convenio que da continuidade a partir do 1 de xaneiro ás bonificacións das peaxes das autoestradas da Coruña-Carballo e do Val Miñor
30/12/2019 - 13:58
A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do convenio que da continuidade a partir do 1 de xaneiro ás bonificacións das peaxes das autoestradas da Coruña-Carballo e do Val Miñor

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se aproba o convenio de colaboración con Autoestradas de Galicia S.A, que da continuidade a partir do 1 de xaneiro ao vixente sistema de bonificacións das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57).

Mediante este convenio a Xunta renova as bonificacións das peaxes nas dúas autoestradas autonómicas ata o ano 2023, cun investimento de 4,7 millóns de euros.No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://bit.ly/39nPoUp Trátase de darlle continuidade ao réxime de bonificacións de peaxe para itinerarios frecuentes, de volta no mesmo día, e os descontos por treito en horario nocturno aplicables ás peaxes vixentes nas dúas autoestradas de titularidade da Xunta. Estas dúas bonificacións son acumulables entre si.

A Xunta manterá conxeladas en 2020 as súas tarifas, salvo en dos únicos traxectos, en ambos os casos para vehículos pesados.

Ademais, no ano 2020, e tras a aprobación da Lei de impulso demográfico, o Goberno galego prevé incorporar a este convenio unha nova bonificación, neste caso para familias numerosas, tal e como prevé a normativa autonómica.

As bonificacións

A achega económica da Xunta sustenta dous tipos de bonificacións aos usuarios. A primeira delas foi implantada no ano 2010 para os usuarios habituais das dúas autoestradas. Estas axudas posibilitan rebaixar para os días hábiles un 25% o importe da viaxe de volta dun traxecto de ida e volta, e o 50% no segundo e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas, para vehículos lixeiros e pesados, cando o usuario empregue o dispositivo de telepeaxe.

A segunda das bonificacións, que é unha novidade implantada en outubro deste ano 2019, é neste caso do 50% en horario nocturno, entre as 0.00 e as 6.00 horas da mañá, que se aplicará a todos os vehículos, lixeiros e pesados, que conten cun sistema de pagamento con telepeaxe.

En ambos os casos o importe desas bonificacións descóntaselle ao cidadán e asúmeo a Xunta, e o aforro repercute directamente nos usuarios destas autoestradas.A modo de exemplos prácticos, para unha persoa que realiza 4 viaxes ao día en vehículo lixeiros nun día laborable, o custo do traxecto na autoestrada A Coruña-Carballo baixa de 10,20 a 8,28 euros, e no caso do usuario da autoestrada Vigo-Baiona, redúcese de 6,80 a 5,55 euros. No caso dos vehículos de carga que aproveiten a bonificación nocturna, o custo do traxecto de ida e volta no caso da autoestrada A Coruña-Carballo baixará de 10,20 euros sen bonificación a 4,46 euros, e no traxecto Vigo- Baiona, de 6,80 a 2,97 euros.

Desde a súa implantación o pasado mes de outubro e ata o 30 de novembro, os descontos nocturnos permitiron bonificar case 33.800 viaxes nocturnas.

As máis baratas

A Xunta conta coas autoestradas de peaxe con tarifas das máis baixas de España e con estas bonificacións búscase aumentar aínda máis a competitividade das zonas da área de Vigo e entre A Coruña e Carballo. Trátase de facer máis asumible o tránsito aos usuarios que todos os días van e volven por estas vías de altas prestacións, ao tempo que captar o máximo tráfico posible cando a infraestrutura está máis infrautilizada, que é polas noites.Esta iniciativa do Goberno galego susténtase tamén na coherencia coas demandas trasladadas ao Ministerio de Fomento en relación coa flexibilización de peaxes na AP-9.