Inicio / Noticias / A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do proxecto de construción de mellora da capacidade e seguridade da estrada que une a autovía Ferrol-Vilalba e Ortigueira
04/05/2020 - 03:19

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora da capacidade e seguridade da estrada AC-862, que une a autovía Ferrol-Vilalba e Ortigueira.

O orzamento estimado desta intervención impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ascende a máis de 6,47 millóns de euros, aos que se engaden uns 677.000 para o pagamento das expropiacións dos 178 predios necesarios para executar a mellora. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://cutt.ly/Oyjxtmd Trátase da primeira fase de acondicionamento do treito comprendido entre a AG-64 e Ponte Mera, ao seu paso polos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido.

En total, nesta primeira fase habilitarase un novo un terceiro carril de adiantamento ao longo de 3,8 km, ademais de mellorar o carril adicional actual existente en sentido Ferrol.A actuación iníciase no punto quilométrico 17+500, unha vez superado o núcleo de San Sadurniño e tras deixar atrás o enlace coa AG-64.

As principais actuacións proxectadas son a corrección de trazados nos treitos curvos, mellora e redeseño das interseccións existentes e o encaixe e dimensionamento de carrís lentos, naqueles treitos onde é viable. Tamén se prevé a revisión e acondicionamento da sinalización vertical e horizontal e a análise dos xiros á esquerda e da seguridade viaria.Máis en concreto, as accións comezarán pola execución dun carril adicional sobre a calzada existente entre os puntos quilométricos 17+700 e 19+960, a rectificación do trazado e construción dun carril adicional dos puntos 29+000 ata o 29+970.

Ademais, entre os puntos quilométricos 30+260 e 31+440, as obras darán continuidade ao treito anterior coa rectificación do trazado e engadindo un carril de adiantamento, completándose a intervención coa rectificación da curva situada entre os puntos quilométricos 34+380 e 34+924.

Cómpre sinalar que, tras o período de información pública e con base nas alegacións recibidas, neste proxecto decidiuse non incluír a glorieta do punto quilométrico 24+150, que, se é o caso, será obxecto dunha actuación independente.Para a segunda fase, cuxo proxecto está en redacción, resérvanse as actuacións para executar entre os puntos quilométricos 37+340 e 42+380.

Esta actuación enmárcase no conxunto de proxectos para mellorar as estradas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal impulsados pola Xunta de Galicia.