Inicio / Noticias / A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello de Celanova das travesías das estradas OU-531 e OU-540
30/10/2019 - 02:03

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o cambio de titularidade a prol do Concello de Celanova das travesías da capitalidade do municipio das estradas OU-531 e OU-540.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/uyo8c

En concreto, o Concello de Celanova manifestou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o seu interese polo transferencia da totalidade da estrada OU-162 -un treito antigo da estrada autonómica OU-540, con 250 m de lonxitude-, así como dun tramo antigo da estrada OU-531 e das travesías da capitalidade do concello das estradas OU-531 e OU-540.

O departamento de Infraestruturas da Xunta informou favorablemente do cambio de titularidade dos treitos antigos, xa que na actualidade os vehículos transitan pola plataforma das estradas OU-540 e OU-531, como consecuencia das melloras de trazado executadas pola Xunta de Galicia en diferentes momentos.

Pola súa parte, a autovía AG-31 constitúe unha verdadeira circunvalación de Celanova, canalizando por ela o tráfico de longo percorrido, o que permite que as travesías das estradas OU-540 e OU-531 poidan ser transferidas ao concello.

A transferencia a prol do Concello de Celanova destes treitos do viario autonómico tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, cuxo decreto foi aprobado o pasado día 17 de outubro polo Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as Administracións implicadas.

Co cambio de titularidade o Concello de Celanova terá a competencia para actuar nestas vías e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Coa publicación hoxe no DOG este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación.