Inicio / Noticias / A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello de Moraña do dominio público da senda executada na estrada PO-226, entre O Souto e Silvoso
17/10/2019 - 13:25

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o cambio de titularidade a prol do Concello de Moraña do dominio público da senda executada na estrada PO-226, entre O Souto e Silvoso.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://bit.ly/2qdS3Or

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Moraña asinaron en 2018 un convenio para executar unha senda peonil na estrada PO-226. A Xunta financiou e acometeu a actuación e o municipio comprometeuse a asumir a titularidade do dominio público viario, salvo a calzada e as beiravías, no treito no que se construiría a senda.

Esta colaboración permitiu executar a senda sen necesidade de acudir a un procedemento expropiatorio, de xeito que o itinerario se puido construír parcialmente en dominio público e noutra parte en terreos cedidos por particulares e xestionados polo concello.

Unha vez rematadas as obras, a Axencia Galega de Infraestruturas informou favorablemente a transferencia e a Xunta formulou a proposta, que foi autorizada polo Consello da Xunta o pasado día 3 deste mes.

O departamento de Infraestruturas da Xunta ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade do dominio público das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades locais.

Coa transferencia, o Concello será o responsable das tarefas de conservación e mantemento e poderá actuar sobre esta zona de modo acorde coas súas características, non sendo xa de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas.

O decreto publicado hoxe producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.