Inicio / Noticias / A Xunta publica hoxe no DOG o inicio do proceso de información pública da 2ª fase da mellora de seguridade viaria na estrada PO-531, na Devesa
21/12/2017 - 02:10

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto da segunda fase da mellora da seguridade viaria da estrada PO-531, na Devesa.

O prazo para a presentación de informes e alegacións abranguerá dende mañá ata o vindeiro 5 de febreiro. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://goo.gl/Svjmhn

Trátase dun proxecto que define a execución dunha glorieta no Pq. 7+150 da PO-531, no Concello de Pontevedra, á saída do núcleo da Devesa, coa que se reducirá de xeito significativo a velocidade da circulación na contorna e se facilitarán os xiros en condicións seguras.

Na glorieta entroncarase un ramal de novo trazado, que se conectará co vial principal deste núcleo e que permitirá eliminar o carril central para realizar o xiro á esquerda da intersección do Pq. 6+620.

A Xunta, con estes traballos, está a considerar a solicitude realizada polos veciños da contorna para a continuación das obras de mellora da seguridade viaria na estrada que comunica Pontevedra e Vilagarcía. Así, estas obras danlle continuidade á primeira fase do proxecto que o Goberno galego xa executou.

O Goberno galego xa acometeu a reordenación e mellora da estrada PO-531, no tramo situado entre os puntos quilométricos 7+700 e 8+350, mediante a execución dunha glorieta no acceso ao polígono de Sequeiros, no Concello de Barro. O obxectivo a acadar con esta actuación foi a redución da velocidade de circulación na contorna do punto quilométrico 8 da estrada, minimizando a accidentalidade que rexistra a vía neste tramo.