Inicio / Noticias / A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto construtivo para mellorar a seguridade viaria na estrada PO-551
28/10/2019 - 11:49

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública e do proxecto de construción da mellora de seguridade viaria prevista na estrada PO-551, nos Concellos de Bueu e Marín.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio publicado hoxe: https://bit.ly/2WlaSLJ

Cómpre lembrar que o Consello da Xunta autorizou a semana pasada as expropiacións para a execución deste proxecto de mellora de seguridade viaria que contará cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros.

O Decreto de Utilidade Pública comprende as expropiacións das 32 fincas necesarias para levar a cabo estas actuacións que inclúen a construción de dúas novas glorietas nas zonas de Lapamán e Agrelo en Bueu e a mellora dunha intersección no termo municipal de Marín.

Nas vindeiras semanas a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará o levantamento de actas previas, e a licitación das obras se prevé para este ano ou principios do seguinte, para executar as mesmas no 2020.

Trátase dun proxecto que define actuacións para a mellora da seguridade viaria nun Treito de Concentración de Accidentes (TCAs), redactado no marco da estratexia que está a desenvolver a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para intentar reducir os “puntos negros” da rede autonómica de estradas.

As principias actuacións consisten na mellora de interseccións, destacando a construción de dúas glorietas no acceso á praia de Lapamán e na intersección coa estrada provincial EP-1304, e a mellora da intersección de acceso á Praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950.

Na intervención inclúese a execución dunha senda que dará continuidade ata o acceso á praia de Lapamán.

Tamén se reforzará a sinalización dos pasos de peóns existentes nas parroquias de Cela e Bueu, coa instalación de semáforos con pulsador en dous deles e sinalización luminosa nos restantes. Estas actuacións incluíronse no proxecto a pesar de non atoparse os pasos de peóns no treito cualificado coma TCA, pola súa conflitividade.

Outras actuacións complementarias serán a instalación de captafaros, a substitución dos postes das barreiras por outros menos lesivos e renovación da sinalización horizontal.

Achegas incorporadas

Tras a análise das alegacións presentadas, o proxecto incorporou achegas como o cambio de configuración na glorieta de Agrelo, que se desprazou á intersección contigua da inicialmente prevista para reducir a súa afección. Tamén na glorieta de Lapamán se realizou un axuste para reducir ocupación, pero de menor entidade, e se mellorou a conexión peonil coa vía de baixada á praia, habilitando ademais unha nova zona de aparcamento.

Tamén se inclúe na actuación a mellora da intersección do punto quilométrico 7+320, no Concello de Marín mediante a execución dunha cuña de saída que mellora a visibilidade e a seguridade.