Inicio / Noticias / A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto da 2ª fase de mellora da estrada de Seixido, na Lama, cun investimento de 1,5 millóns de euros
03/06/2019 - 13:32

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de execución da 2ª fase de mellora da estrada de Seixido (PO-235), no Concello da Lama, que contará cun investimento de 1,5 millóns de euros.

Esta nova intervención permitirá darlle continuidade a reforma desta vía autonómica, completando o ensanche da estrada dende Antas, no punto quilométrico 11+870, e ata Seixido, no p.q.18+000. Na 1ª fase actuouse nun treito dun quilómetro desta estrada, rematando os traballos en outubro do 2018.

Nesta segunda actuación do departamento de Infraestruturas da Xunta, o proxecto contempla a intervención en dous subtramos da vía autonómica, que suman máis de 5 quilómetros, para ampliar a plataforma da estrada ata os 6,5 metros, fronte os 5 metros actuais. Tamén se rectificarán varias curvas, entre outros traballos.

Máis en concreto esta actuación esténdese deste a travesía de Antas, no p.q. 11+870 a 15+560, e continúa no p.q. 15+740 ata o punto quilométrico 17+200, desde o que se actuou coa obra xa rematada na parroquia de Seixido.