Inicio / Noticias / A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de construción dunha senda entre Pardavila e Cadro, no concello de Marín, cun investimento de máis de 600.000 euros
31/10/2019 - 06:00

Santiago de Compostela, 31 de outubro 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública e do proxecto de construción da senda entre Pardavila e Cadro, no Concello de Marín.

A Xunta prevé un investimento de 611.849,24 euros para executar este proxecto, ao que hai que engadir o destinado a expropiacións.

Neste enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio.

Este itinerario desenvolverase entre os puntos quilométricos 3+330 e 4+130 da estrada autonómica PO-313.

De modo complementario mellorarase a seguridade viaria dunha intersección e instalarase unha nova marquesiña nunha parada de bus.

Tamén se trasladará lixeiramente un cruceiro na marxe esquerda da estrada no punto quilométrico 3+350, que actualmente provoca que o espazo entre este e a vía non sexa suficiente para dispor un ancho mínimo de senda.

Para revalorizar o elemento, acondicionarase a contorna da súa nova ubicación, para o cal se expropiarán e demolerán varias edificacións, en estado ruinoso e non habitadas, e urbanizarase esta área, creando un espazo público que na actualidade non existe.

Senda Coirados-Pardavila

Cómpre lembrar que nesta mesma estrada PO-313, a Xunta xa autorizou as expropiacións para executar un itinerario peonil e ciclista entre Coirados e Pardavila, cun orzamento autonómico duns 715.000 euros.

Trátase da execución dun itinerario duns 2 quilómetros de lonxitude pola marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta PO-313, dende a saída de Marín e conectando coas beirarrúas existentes ata Pardavila, no punto quilométrico 3+300, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín.

Como obras complementarias poden destacarse a instalación dunha nova rede de drenaxe e a mellora da intersección existente no punto quilométrico 2, coa execución dun carril central e dun cambio de sentido.

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, no que a Xunta contempla 8 itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe, cun orzamento que supera os 4,5 millóns de euros. As obras son cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.