Inicio / Noticias / A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de execución dunha senda peonil na estrada AC-424 ao seu paso polo Couto, no concello de Ponteceso
23/11/2020 - 02:58

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de construción dunha senda peonil na estrada AC-424 ao seu paso polo Couto, no concello de Ponteceso.

O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://xurl.es/ob69f.

Esta actuación, que disporá dun prazo de execución de tres meses, conta cun orzamento autonómico de máis de 320.000 euros, incluídas as expropiacións necesarias.

Trátase de construír un itinerario peonil por ambas as dúas marxes da travesía desta estrada autonómica, entre os puntos quilométrico 1+090 e 1+543.

O proxecto incorpora as achegas ao trazado sometido á información pública, para a prolongación do itinerario peonil na marxe dereita da estrada, desde o punto quilométrico 1+380 e ata o 1+506, na contorna da glorieta de Balarés.

Na intervención do departamento de Infraestruturas da Xunta tómase en conta o reducido espazo dispoñible entre edificacións neste tramo, para o que se propón o estreitamento da calzada existente. Deste modo, de xeito xeral, acádanse 1,5 metros de ancho de senda para paso das persoas.

Executaranse obras complementarias como a execución dun colector de drenaxe, pequenos muros, a instalación de canalizacións para iluminación e telecomunicacións ou a renovación do firme.

Co remate das actuacións, a sinalización nesta travesía da AC-424 prevé a limitación de velocidade a 40 Km/h debido ao estreitamento da calzada e co obxectivo de preservar e reforzar a seguridade viaria.