Inicio / Noticias / A Xunta publica no DOG o inicio das expropiacións para a execución dunha senda peonil entre Alba e San Caetano, no concello de Pontevedra
24/09/2019 - 03:01

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar na estrada autonómica PO-225 unha senda peonil entre Alba e San Caetano, en Pontevedra.

Esta actuación conta cun orzamento duns 640.000 euros, no que se inclúe o pagamento aos titulares das 36 fincas necesarias para executar esta actuación. Trátase dun itinerario planificado polo Goberno galego no marco do Plan de Sendas na comarca de Pontevedra, cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://bit.ly/2lhvbvg

O departamento de Infraestruturas ten prevista a licitación das obras a finais deste ano para a súa execución en 2020. Cómpre lembrar que no mes de agosto xa se publicou no DOG a aprobación da información pública e o proxecto de construción deste itinerario.

A actuación céntrase na execución dunha senda duns 600 metros no treito da estrada PO-225, que conecta as poboacións de Alba e San Caetano e as empresas situadas na zona, e que que coincide coa traza do Camiño de Santiago Portugués.

A senda executarase pola marxe esquerda da estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 0+370 e o 0+940, esquerda, e dende o 0+820 ao 0+910 na marxe dereita.

Para acometer este itinerario será necesario rectificar a curva existente entre os puntos quilométricos 0+860 e 0+940; reordenar a intersección no punto 0+910, mellorando a súa seguridade; e instalar unha pasarela de 13,10 m de lonxitude sobre o río Cortes, que permite evitar o tránsito de peóns por un punto estreito da estrada.

O obxectivo desta intervención é incrementar a seguridade de veciños e dos peregrinos nos seus desprazamentos polo Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Alba e San Caetano. O propósito da Xunta é tamén que o itinerario estea listo para ser empregado polos peregrinos que acudan a Compostela no Xacobeo de 2021.