Inicio / Noticias / A Xunta publica no DOG a transferencia a prol do concello de Vilar de Santos dun tramo antigo da estrada OU-531 ao seu paso polo núcleo de Parada
24/01/2019 - 13:27

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación da transferencia a prol do concello de Vilar de Santos dun treito antigo da estrada OU-531, Xinzo de Limia-A Cortegada, ao seu paso polo núcleo de Parada.

O municipio de Vilar de Santos é atravesado pola estrada autonómica OU-531, entre os seus puntos quilométricos 5+430 e 9+370 e o Concello solicitou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a transferencia dun treito de 180 metros situado na marxe esquerda desta vía, resultante da mellora de trazado realizada en tramos situados dentro do seu termo municipal.

Os servizos competentes do departamento de Infraestruturas da Xunta informaron favorablemente a solicitude do cambio de titularidade a prol do Concello de Vilar de Santos, deste antigo treito da estrada OU-531, comprendido entre os puntos quilométricos 8+330 e 8+510 e foi aprobado o pasado día de 10 de xaneiro polo Consello da Xunta.Este cambio de titularidade do antigo tramo da estrada autonómica a prol do municipio cumpre co obxectivo de racionalizar a estrutura viaria municipal e permite unificar a titularidade da estrada no concello, conseguindo así unha mellor xestión dos recursos públicos.

A transferencia desta estrada ao Concello de Vilar de Santos tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade, correspóndelle ao Concello de Vilar de Santos, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.