Inicio / Noticias / A Xunta publica o cambio de titularidade a prol do Concello de Poio dun treito da estrada provincial Peirao-Besada
13/02/2020 - 11:42

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2020.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o Decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Poio da estrada provincial Peirao- Besada, dende o punto quilométrico 0+000 ao 0+100.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://bit.ly/31N0aAo.

O Concello de Poio e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio para levar a cabo a estabilización do muro de contención da estrada e continuación do paseo litoral Campelo.

Este acordo incluía que unha vez rematadas as obras se realizaría a transferencia do citado treito a favor do Concello de Poio, pois as características da vía son asimilables ao viario urbano municipal, servindo de acceso ás edificacións e aos predios lindeiros.

A Administración provincial de Pontevedra acordou aprobar o cambio de titularidade proposto, polo que emite informe favorable para a transferencia deste treito e solicita o cambio de titularidade desta estrada á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

A transferencia a prol do Concello tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta do departamento de Infraestruturas como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas. O Consello da Xunta aprobou a transferencia deste tramo da estrada provincial o pasado día 23 de xaneiro.

Co cambio de titularidade, o concello pontevedrés terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.